publicidade hoxe

O Concello de Ourense apoia un proxecto para promover a saúde e a integración social dos enfermos mentais severos e os seus familiares

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A concelleira de Asuntos Sociais, Sofía Godoy, visitou esta mañá as instalacións da Asociación de Familiares e Enfermos Mentais Morea para coñecer o proxecto de Integración social de persoas con enfermidade mental severa e as súas familias, unha iniciativa que busca promover a saúde, benestar e a integración social das persoas afectadas por unha enfermidade mental severa e dos seus familiares, prestándolles apoio a través dos servizos creados ao efecto. O proxecto conta cunha achega municipal de 23.275€, e aséntase sobre tres piares fundamentais:

Información e asesoramento: a asociación pon a disposición do público as súas instalacións e profesionais para proporcionar información e asesoramento acerca de calquera aspecto relacionado coa enfermidade mental crónica. Estas demandas son atendidas pola psicóloga ou pola traballadora social. Segundo memoria da actividade, son 341 persoas as atendidas no servizo de información e 280 no servizo de asesoramento.

Campañas de información e sensibilización: actos públicos de información, divulgación e sensibilización, como charlas en universidades e centros educativos. Os responsables de Morea tamén lle comunicaron á concelleira a enquisa elaborada sobre a esquizofrenia na Feira da Saúde, na Xornada sobre esquizofrenia para alumnos da Academia postal, ou a celebración do día da saúde mental.

Espazos físicos: o clube social é un espazo a disposición dos usuarios co fin de que compartan o seu tempo de lecer mediante a realización de actividades lúdicas proveitosas, e conta con 52 usuarios. Tamén está o cíber, con equipos informáticos e conexión a internet a disposición dos 21 usuarios.

Os recursos humanos vencellados ao proxecto son unha psicóloga, unha traballadora social, a integradora social, e 3 monitores. O proxecto é financiado polo Concello de Ourense e por financiación propia da entidade, que realiza as actividades ao longo do ano. 

1 de febreiro de 2017 | 19:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.