O Concello da Coruña convida á cidadanía a acudir ao Ágora á proxección pública do documental ‘Frankenstein 04155’,

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, presentou esta mañá o acto que terá lugar este venres, ás 20.00 horas no centro municipal Ágora, e que consistirá na proxección do documental Frankenstein 04155 sobre a traxedia ferroviaria de Angrois, ademais dun coloquio posterior, no que participarán tanto persoas expertas como representantes das vítimas. O rexedor, que estivo acompañado na rolda de prensa polo concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, así como por unha das integrantes da Plataforma de Vítimas do Alvia 04155, Asunción Ferreiro, explicou que o Concello colabora na difusión e celebración deste evento debido ao seu compromiso co esclarecemento da verdade e co dereito á reparación das vítimas. “Promovemos este acto porque entendemos que é a nosa obriga, que adquirimos cando hai uns meses aprobamos unha moción plenaria en apoio ás familias das vítimas, na que ademais nos comprometiamos a proxectar de forma pública, para que toda a cidadanía o puidese ver, este documental”, explicou o primeiro edil. “É unha forma máis de manifestar o apoio da Coruña a causa que están a defender estas persoas, que están embarcadas nunha loita xusta por reivindicar o esclarecemento da verdade”, indicou o alcalde, quen lamentou que a Plataforma de Vítimas “conte co apoio de moitísimos Concellos, pero non do Goberno central, que lles segue a negar unha comisión de investigación sobre os feitos acaecidos, necesaria para acadar esa reparación”.

O concelleiro Sande indicou que a proxección pública deste documental reforza “o compromiso que ten o Concello con esta causa, así como a súa petición de esclaremento da verdade”. O acto do venres, que estará presidido polo alcalde e será presentado pola xornalista Fernanda Tabarés, contará cunha mesa redonda na que intervirán a voceira do BNG en Europa, Ana Miranda, ademais do enxeñeiro experto en ferrocarrís Xosé Carlos Fernández, o coordinador do sector ferroviario de CCOO, Severino Rodríguez, e o voceiro da Plataforma de Vítimas do Alvia, Carlos Vázquez Padín, ademais do propio autor da longametraxe, Aitor Rei.

Pola súa banda, Asunción Ferreiro, representante das familias e amizades das vítimas da traxedia ferroviaria, convidou a toda a poboación a acudir o venres ao Ágora, xa que “asistir a este documental é unha forma de render homenaxe aos falecidos”. “É unha longametraxe obxectiva, con datos reais e contundentes, que amosa que hai moito máis que esa verdade a medias que doe máis que unha mentira. Coa súa presenza, ademais, a xente axudará a que unha traxedia coma esta non se volva a repetir. Queremos verdade, xustiza e reparación”, salientou

1 de febreiro de 2017 | 19:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.