O Colexio de Psicoloxía afonda na intervención neuropsicolóxica en persoas con Trastorno do Espectro Autista
Os días 17 e 18 de febreiro, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia acolle un curso sobre a avaliación e intervención neuropsicolóxica en persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA), que se celebrará na súa sede compostelá. Os trastornos do espectro autista son un grupo de alteracións ou déficit do desenvolvemento de características crónicas e que afectan de maneira distinta a cada persoa desde idades temperás e maniféstase nunha serie de síntomas que inclúe: a comunicación, flexibilidade e imaxinación e interacción social. Trátase dun colectivo de persoas con importantes necesidades de atención psicolóxica. Por iso, faise cada vez máis necesaria a formación especializada dos e das profesionais que traballan con estas persoas e coas súas familias.
Unha axeitada detección precoz dos Trastornos do Espectro Autista facilita unha atención temperá que englobe ás súas familias, o que, sen dúbida, contribúe a reducir a tensión familiar, aumentar a súa capacidade de afrontamento e dotarlles das estratexias adecuadas para acometer o proceso de crianza dos seus fillos e fillas. Os e as profesionais necesitan dispoñer de coñecementos actualizados, tanto teóricos como prácticos, para poder aplicalos na súa práctica diaria. Este curso organizado pola Sección de Psicoloxía e Saúde pretende proporcionar ferramentas de avaliación e intervención neuropsicolóxica e xurde da crecente demanda de formación especifica por parte de profesionais que traballan con nenos e/ou adolescentes con TEA.
Esta actividade formativa será impartida por Cecilia Otero Dadín, Doutora en Neuropsicoloxía e Experta en Neuropsicoloxía Infantil e está coordinada pola psicóloga sanitaria Rocío García Calvo e a psicóloga clínica Vanessa Vilas Riotorto; ámbalas dúas coordinadoras pertencen ao Grupo de Traballo de Neuropsicoloxía da Sección de Psicoloxía e Saúde do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.