publicidade hoxe

O Colexio de Psicoloxía aborda nunha xornada a intervención do alumnado con trastorno do espectro autista

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia organiza mañá venres 3 de febreiro a xornada “Estratexias para a intervención e inclusión psicoeducativa do alumnado con Trastornos do Espectro Autista (TEA)” que se desenvolverá na súa sede en Santiago de Compostela. Nela afondarase nas necesidades e nas características de estudantes que presentan este tipo de trastornos, facendo fincapé na súa dimensión emocional e educativa e nas repercusións a estes niveis.

A actividade, organizada pola Sección de Psicoloxía Educativa, será impartida pola psicóloga e especialista neste eido dos TEA, Marlene Horna Castiñeiras e polas mestras de Educación Primaria Beatriz López Pires e Amelia Lago Andión, ambas as dúas con experiencias profesionais directas con alumnado destas características.

Os trastornos do espectro autista (TEA) constitúen todo un desafío para as persoas afectadas por eles e para as súas familias, para os e as profesionais que traballan con elas así como para a sociedade en xeral, tanto por mor da súa diversidade, como pola complexidade das súas características. 

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia é consciente de que moitos e moitas profesionais da psicoloxía teñen que intervir con este alumnado, sexa directa ou indirectamente, coa fin de acadar a súa inclusión e o seu maior benestar. Por iso, na devandita xornada proporcionaranse ferramentas, recursos e estratexias, tanto enfocadas á intervención emocional como de tipo organizativo a nivel dos centros escolares.

A docente Marlene Horna Castiñeiras é licenciada en Psicoloxía Clínica e Social, Diploma de Estudos Avanzados e Máster en Atención Temperá pola Universidade de Santiago de Compostela. Durante varios anos traballou realizando diagnóstico, intervención, orientación e formación na Unidade de Atención Temperá da Universidade de Santiago de Compostela. Continuou o seu labor profesional como orientadora técnica no equipo da asociación ASPANAES. Na actualidade, traballa de xeito particular e na asociación “BATA”, dando apoio a persoas con TEA e ás súas familias nas súas contornos naturais (fogar, escola, comunidade).

A relatora Beatriz López Pires é diplomada en Maxisterio e licenciada en Ciencias Económicas pola Universidade de Vigo. Na actualidade, exerce o seu labor profesional como titora de Educación Primaria no C.E.P. Santa Mariña de Redondela, ao igual que a docente Amelia Lago Andión, diplomada en Maxisterio pola Universidade de Santiago de Compostela e especialista en Audición e Linguaxe. 

2 de febreiro de 2017 | 11:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.