O CDTIC celebra en Vigo unha xornada sobre a xestión dunha tenda en liña con WordPress e Woocommerce
O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organiza o xoves, 9 de febreiro, unha sesión demostradora que leva por título “Xestiona o teu negocio en liña con WooCommerce e WordPress” (https://cdtic.xunta.gal/woocommerce-vigo) e que terá lugar na aula CeMIT de Vigo en horario de 16.15 a 19.15 horas.
Esta actividade mostraralles aos asistentes as vantaxes que ofrece WooCommerce para xestionar as vendas en liña fronte a outras ferramentas, así como inicialas nas funcións principais da aplicación. Así, ao longo da sesión ofreceranse indicacións sobre a súa instalación, sobre a xestión de produtos, sobre os módulos de envío ou sobre os métodos de pagamento, entre outros aspectos.
Esta sesión está destinada principalmente a pequenas empresas, autónomos e comerciantes que queiran manexar de forma individual o seu catálogo de produtos en internet. Encargarase de impartila Hacce Conversion&Design, unha empresa especializada en desenvolvementos web de comercio electrónico e presenza en liña, e deseño de interacción.
Para participar nesta actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.gal/woocommerce-vigo). A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse para asistir, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas.
Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. O Centro actúa como punto punto de encontro entre a oferta do sector TIC e a demanda o resto dos sectores empresariais galegos.
O obxectivo principal do CDTIC é amosar e demostrar ás empresas e profesionais os beneficios que as TIC poden ofrecer ao seu negocio. Para conseguilo o CDTIC ofrece ao sector TIC galego as súas instalacións e recursos para que poidan poñer en valor os seus produtos, servizos.
O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, a través de Red.es, cofinanciada con fondos Feder.