Nava Castro destaca o gran potencial dos faros de Galicia como reclamo turístico
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na inauguración do Hotel-Restaurante Semáforo Fisterra situado no neste municipio da Costa da Morte.
Durante o acto, Nava Castro destacou a importancia de apostar por elementos diferenciadores e innovadores que incrementen a competitividade do sector turístico galego no mercado global.
Neste senso, sinalou que o recoñecemento do destino a nivel nacional e internacional como diferenciado e como sustentable, así como a posta en valor dos nosos recursos endóxenos, a aposta pola oferta segmentada e multiexperiencial e a atención personalizada e de calidade son os piares sobre os que construír o turismo en Galicia. “Cómpre ser conscientes de que a adaptación aos novos tempos e aos novos usuarios, así como a busca de novos mercados e novos públicos, son ferramentas indispensables para avanzar e camiñar da man do progreso”, manifestou.
A responsable de Turismo da Xunta felicitou ao Hotel-Restaurante Semáforo Fisterra por combinar á perfección natureza e gastronomía, as dúas principais motivacións polas que os turistas elixen Galicia como destino. “Os clientes, ademais de disfrutar da experiencia única de aloxarse nun faro coas mellores vistas da Costa da Morte, poden degustar a gran gastronomía desta comarca con produtos do mar de primeiro nivel”, explicou.
Nava Castro fixo referencia, ademais, aos numerosos atractivos turísticos que ofrece Fisterra entre os que destacou as súas praias ou o seu fermoso paisaxe do litoral así como o amplo conxunto de patrimonio artístico e cultural que alberga.
Rede de Miradoiros de Galicia
Por outra banda, afirmou que Turismo de Galicia aposta polo gran potencial dos faros de Galicia como reclamo turístico e polo patrimonio natural que os rodean. Ademais, lembrou que unha das grandes iniciativas previstas para este 2017 é a posta en marcha da Rede de Miradoiros de Galicia. Para finalizar sinalou que este proxecto, que incluirá o Faro de Fisterra, comezou a desenvolverse no 2016 pero despegará neste ano.