publicidade hoxe

Nava Castro destaca a potencialidade de Galicia como destino gastronómico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participaron hoxe no Día do Turismo no marco do 18º Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar 2017.

No acto, a directora de Turismo de Galicia destacou o recoñecemento acadado por Xantar afirmando que é un magnífico Salón que permite dar a coñecer Galicia como destino turístico, ao tempo que constitúe o mellor escaparate para promover a gastronomía galega, segunda motivación pola que os turistas deciden visitar a nosa comunidade.

Neste senso, Nava Castro resaltou a importancia da gastronomía para o sector turístico, xa que constitúe un dos elementos culturais que máis nos identifica. Así, sinalou que Galicia é un destino gastronómico de primeira orde baseado na calidade e variedade dos seus produtos e o alto nivel dos seus cociñeiros.

A responsable de Turismo da Xunta resaltou os recoñecementos cos que conta a gastronomía galega na actualidade facendo referencia aos 13 restaurantes distinguidos coa Estrela Michelin e aos 26 restaurantes que locen 37 Soles Repsol. Así mesmo, referiuse ás máis de 300 festas gastronómicas que impulsan o sector turístico e promoven os nosos produtos con indicación de calidade.

Por outra parte, Nava Castro lembrou que o pasado ano 2016 foi un ano de récord para o Turismo en Galicia, ao rexistrar a nosa comunidade preto de 5 millóns de viaxeiros que realizaron máis de 10 millóns pernoitas, “unhas cifras históricas”, segundo manifestou.

Así, sinalou que a actividade xerada polo turismo representa xa máis do 11% do PIB da nosa comunidade. “O sector turístico constitúe un dos alicerces fundamentais da economía da nosa comunidade”, afirmou.

Día do cooperativismo

Xantar 2017 dedicou tamén o día de hoxe ao cooperativismo. Neste eido, a Consellería de Economía, Emprego e Industria e o Consello Galego de Cooperativas contan no Salón cun expositor institucional no que se promove o labor das entidades galegas pertencentes a este sector e a comercialización dos seus produtos e servizos.

No expositor danse cabida un total de 8 cooperativas e un centro especial de emprego: Cooperativa Agraria Provincial da Coruña, coa súa marca Bico de Xeado, e Produtores do Campo da Capela do sector lácteo; Condado Paradanta centrada en produtos apícolas; Galo Celta do sector avícola; o centro especial de emprego Freshcut S.L. e Terras da Mariña que comercializan produtos hortofrutícolas; e as adegas Jesús Nazareno; Virxe das Viñas; e Adegas Eidosela.

A Economía Social é un sector en auxe que en Galicia aglutina a 7.000 entidades e 320.000 persoas. É importante o impulso que Xunta está a dar á competitividade e ao crecemento deste sector a través de iniciativas como o programa Aprol Economía Social para fomentar o emprego nestas entidades.

O Goberno galego destina este ano á Economía Social 18 millóns de euros, un 11,3% máis que en 2016 a través da Axenda 20 para o Emprego, a estratexia da Xunta en materia laboral que está a impulsar o traballo de calidade en Galicia e prevé a creación de 500 novas entidades de Economía Social.

2 de febreiro de 2017 | 18:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.