publicidade hoxe

Medio Rural apoia 280 titulares de explotacións agrarias lucenses achegando 16 millóns de euros para modernización

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A Consellería do Medio Rural apoiou ao 280 titulares de explotacións agrarias lucenses achegando axudas que superan os 16 millóns de euros, destinadas a modernizar as súas producións a través dos plans de mellora. Dáse a circunstancia de que a provincia de Lugo recibe case a metade destas axudas, o 45% do total de Galicia, que foron 36 millóns de euros.

Así o explicou esta mañá o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, quen indicou que os beneficiarios son agricultores, gandeiros e produtores avícolas de 47 concellos lucenses que reciben unha axuda media que supera os 58.000 euros que poderán destinar a financiar os investimentos materiais e inmateriais que supoñan unha mellora do rendemento global ou a viabilidade da súa explotación

Esta mesma liña de axudas permitiu apoiar un investimento que supera os 29 millóns de euros que se comprometen a executar os beneficiarios nos concellos lucenses e que suporá a posta en marcha de iniciativas tan diversas como a compra de nova maquinaria, gastos para a elaboración de proxectos técnicos de construción ou reforma das explotacións, permisos, licenzas, plantación e mellora de cultivos, a compra de terreos e adquisición ou desenvolvemento de programas informáticos

No que respecta á provincia de Lugo, os plans de mellora beneficiaron a 170 sociedades agrarias ou cooperativas, 79 homes e 31 mulleres.

“Estas achegas teñen como obxectivo fundamental dinamizar o tecido económico e social do agro, fomentando a remuda xeracional nas explotacións e procurando a súa maior competitividade, a través de diversas melloras na súa xestión”, afirmou o delegado.

O importe da axuda oscila entre o 40 por cento e o 70 por cento, en función do investimento e doutros criterios como o territorial, a idade do agricultor e o tipo de explotación, primando as ecolóxicas.

Cómpre sinalar tamén que as axudas recibidas por este concepto son as maiores desde o ano 2011. De feito, tamén foi moi significativo o incremento desde o último ano da convocatoria, que foi o 2014, tanto en número de expedientes como de axuda concedida, ao pasar de 49 expedientes a 280 e de 2,2 millóns de euros aos 16,2 millóns de euros actuais.

As subvencións descritas están cofinanciadas nun 7,50% pola Administración xeral do Estado, nun 17,50% pola Xunta de Galicia e nun 75% polo fondo Feader, no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

Balseiro aproveitou para destacar a forte e decidida aposta da Xunta polo mundo rural e as persoas que viven nel. Ao respecto, sinalou que aínda “queda moito por avanzar e por conquistar no rural: Hai que seguir creando máis emprego, apoiando ás familias para que aposten polo rural para vivir, incrementando os servizos públicos, avanzando na innovación e modernizando as instalacións”.

“E para iso -engadiu- haberá axudas como as que acabamos de describir, cero impostos para calquera que queira emprender no rural, cero impostos para os mozos que queiran vivir no rural e 100 por cento de compromiso para impulsar o rural”.

O dirixente territorial tamén indicou que está próxima a vindeira convocatoria de axudas para o sector, que se publicará neste mes de febreiro no Diario Oficial de Galicia e contará cun orzamento total de 65 millóns de euros. Para as axudas de plans de mellora a contía será de 40 millóns, para incorporación de mozos será de 20 millóns e para pequenas explotacións de 5 millóns de euros.

1 de febreiro de 2017 | 16:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.