Marisol Díaz Mouteira destaca o impulso á formación para desempregados no sector da automoción

Marisol Díaz visita a sede de Atave
A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada do xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Tomás Paz Doníz, visitou esta mañá da sede a Asociación provincial de Talleres de reparación de vehículos (Atave) que ten máis de 400 asociados.
Díaz Mouteira transmitiulle ao presidente, Manuel Álvarez Gil, e aos profesionais asociados nesta organización o apoio do Goberno galego ao sector da automoción, ao mesmo tempo que lle anunciou que o Goberno galego vén de fixar novos retos para mellorar a formación para o emprego.
Nos últimos tres anos o departamento autonómico que dirixe Francisco Conde concedeulle un total de 8 cursos de formación para desempregados que supuxeron unha achega de máis de 375.000 euros. As disciplinas impartidas nestas accións van desde operacións auxiliares de mantemento de carrocerías e sistemas eléctricos de vehículos ata mantemento do motor e os seus sistemas auxiliares.
Durante a visita a delegada territorial trasladoulle aos empresarios da asociación que a formación seguirá sendo “un eixo importante das políticas activas de emprego para dar respostas ás necesidades do noso tecido produtivo”.
Deste xeito, explicou que os Orzamentos da Consellería de Economía, Emprego e Industria para este ano destinan 86,2 millóns de euros, un 21,6% máis que en 2016, para adecuar a formación e capacidades do talento galego á demanda real das empresas. Ademais dos cursos de formación, obradoiros e lanzadeiras de emprego e unha nova convocatoria para o recoñecemento da competencia profesional, modernizarase a Rede Pública de Centros de Formación. Ademais, cómpre subliñar que os cursos para desempregados a partir de agora durarán un ano e que aqueles cursos con maior inserción laboral terán prioridade na valoración.
Programa Cualifica FP
Díaz Mouteira tamén se referiu ao programa “Cualifica FP” polo que a Xunta ampliará este ano a formación para desempregados aos centros de ESO e FP, o que permitirá incrementar a oferta formativa neste tipo de cursos optimizando os recursos públicos. Para iso investiranse entre os anos 2017 e 2018 preto de 10 millóns de euros para levar a cabo accións formativas para desempregados en 56 centros das Consellerías de Educación e Emprego.
Na provincia de Ourense serán sete os centros nos que se impartan os cursos pertencentes a este programa: Os CIFPs “A Carballeira” , “A Farixa” e “Portovello” e o IES “12 de Outubro”, da capital ourensá; e os IES “Cidade de Antioquía”, de Xinzo da Limia; “García Barbón”, de Verín; e o “Lauro Olmo” do Barco de Valdeorras.
40 aniversario Atave
Atave constituíuse hai 40 anos e converteuse na primeira agrupación empresarial da provincia de Ourense inscrita no Rexistro de Asociacións Profesionais e Empresariais, con el número 32/01/77. Así, a visita da delegada territorial a Atave coincide co 40 aniversario desta entidade, que xa está a organizar unha programación de actos para conmemorar esta efemérides.











