publicidade hoxe

López-Chaves lembra que a Xunta é a administración que máis capacidade investidora ten en Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, sinalou esta mañá en rolda de prensa que o Goberno galego é a administración que “máis forza” e “capacidade investidora” ten na cidade de Vigo. É máis, considerou que “non existe” no municipio ningunha outra administración “que teña un investimento equivalente”.

Así o amosou esta mañá cos datos do orzamento autonómico, que para este ano 2017 consignan un total de 168 millóns de euros para grandes proxectos que se están a levar a cabo ou que se ten previsto iniciar nos vindeiros meses na cidade olívica. Relatou deste xeito os grandes investimentos, coma se trata dos traballos na EDAR do Lagares, a ampliación de colexios e institutos –caso do CEIP Rodríguez Castelao de Navia ou o IES de Teis-, os traballos de rehabilitación no Casco Vello, o Hospital Público Álvaro Cunqueiro (HAC), a estación intermodal, a ampliación do Ifevi, os investimentos para a Plisan ou para a conversión da Autovía do Morrazo, entre outros.

Fixo especial fincapé nas asignacións que dende a Xunta se destinan a Política Social e, máis concretamente, á Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga), que soamente na cidade supón unha consignación de 1 millón de euros ao mes para prestar atención a todos os veciños e veciñas que o solicitan.

Ademais, non se esqueceu dunha das actuacións máis importantes que están enriba da mesa do Goberno galego nestes momentos e que pasa pola ampliación do PAU de Navia. Neste senso, sinalou que a “capacidade inversora” da Xunta se exemplifica de xeito moi notorio neste caso ao destinar 10 millóns de euros soamente á adquisición de terreos. “Nunha única actuación en Navia invístense 10 millóns de euros, máis que todo o que investiu o Concello de Vigo no ano 2016, que foron 7”, comparou. Outro exemplo que puxo para deixar clara a “forza investidora” da Administración autonómica é o feito de que soamente en Vigo, Sanidade conta co 8% do orzamento total do Sergas.

López-Chaves valorou así o compromiso que a actual Xunta de Galicia ten con Vigo considerando que se trata da Administración autonómica “que máis investiu na cidade”. De feito, e para rematar, lembrou que hai soamente 15 días se aprobou o orzamento para este ano 2017 e que, nestes días, xa se licitaron obras por valor de 4,5 millóns de euros facendo referencia aos traballos de demolición do antigo Hospital Xeral para convertelo na futura Cidade da Xustiza ademais de obras de mellora en rúas de San Paio de Navia. “O compromiso investidor é claro”, concluíu.

23 de febreiro de 2017 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.