López-Chaves explica aos comerciantes de Pizarro os pasos da licitación das obras da primeira fase da Cidade da Xustiza de Vigo
O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, mantivo esta mañá un novo encontro con representantes dos comerciantes do ámbito de Pizarro para informarlles dos pasos que o Goberno galego está a dar no proxecto da Cidade da Xustiza coma así se comprometera no seu momento.
Coma explicou López-Chaves, tras a reunión celebrada no día de onte do Comité de Seguimento -no que están representados tanto membros da Xunta, como do Concello de Vigo e de todos os axentes implicados coma xuíces, avogados, fiscais, secretarios coordinadores, procuradores e arquitectos-, hoxe tocaba a quenda de trasladarlle toda a información aos veciños e comerciantes da zona, que valoraron moi positivamente a iniciativa. É máis, Rosa Vello, que actuou coma portavoz dos mesmos, comentou que estaban “moi contentos” co proxecto e que esperaban que “comezase xa” porque, deste xeito, “será moi bo para Vigo”.
O delegado transmitiulle que nas vindeiras semanas se licitarán as obras da primeira fase, cun orzamento de 3,2 millóns de euros, e coa previsión de adxudicala en maio e iniciar de inmediato os traballos axilizando ao máximo o procedemento para que o futuro complexo xudicial sexa unha realidade o antes posible. “Significará que xa haberá obra no inmoble dun proxecto que conta cun investimento de 25 millóns de euros”, recalcou López-Chaves, quen insistiu nas bondades da ubicación da futura Cidade da Xustiza para “conseguir dar servizo á administración de xustiza e recuperar un entorno da nosa cidade moi importante”.
Para axilizar ao máximo a posta en marcha do edificio, o proxecto dividiuse en dúas fases, a fase de execución, coa parte de demolición daquelas partes do edificio do antigo Hospital Xeral que serán retiradas e unha segunda fase de obra de rehabilitación, que será entregada no terceiro trimestre deste ano para poder estar en obras antes de que remate o ano e cun prazo de execución de 24 meses, co obxectivo principal de que o edifico sexa unha realidade antes de rematar 2019.
Dende a Xunta apostouse por rehabilitar un edificio emblemático da cidade, concentrando nun mesmo sitio todas as dotacións xudiciais da cidade, poñendo en marcha unha Cidade de Xustiza moderna, ben dimensionada, e buscando mediante o concurso de ideas a mellor solución para converter o antigo Xeral na nova Cidade da Xustiza de Vigo, concentrando nun mesmo edificio todas as dotacións xudiciais da cidade, gañando máis de 20.000 metros cadrados novos de espazo e localizado no inmoble 35 unidades xudiciais, con espazo libre para futuras ampliacións, contando xa dende o primeiro momento coa axuda e co asesoramento dos arquitectos da cidade, dos operadores xudiciais e do concello.