Licitadas as obras de reforzo do firme en varios treitos de estradas da provincia da Coruña
A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) as obras de rehabilitación de firme en treitos localizados das estradas AC-840, AC-934 e AC-223, entre outras, ao seu paso polos concellos de Betanzos, Oza-Cesuras, Curtis, Vilasantar, Boimorto, Melide, Santiso, Sobrado, Carral, Abegondo e Mesía co fin de incrementar a seguridade viaria. Esta actuación ten un prazo de execución de 4 meses e contan cun orzamento de máis de 750.000 euros.
Así mesmo, posto que se trata de obras de rehabilitación de firmes, non son necesarias expropiacións nin se afecta a ningún servizo que non sexa a propia circulación do tráfico, que estará debidamente sinalizado. Para obter máis información pódese consultar o seguinte enlace: https://goo.gl/xDkQvC.
Estes traballos que se licitan iniciaranse o próximo verán e teñen como obxectivo a mellora destas vías, para acadar unha condución máis cómoda e segura. Así mesmo, estas tarefas permiten prolongar a vida útil do pavimento das estradas, concretamente actuarase en puntos situados nos seguintes tramos:
AC-223: reparacións puntuais no firme ao longo de toda a estrada, de 17,25 quilómetros, nos concellos de Carral, Abegondo e Mesía.
AC-840: reparacións puntuais no firme dende o Pq. 0+140 ao 56+640 (concellos de Betanzos, Oza-Cesuras, Curtis, Vilasantar, Boimorto, Santiso e Melide); as actuacións mais destacadas serán entre o Pq. 22+000 e o 22,9 (cruce Empalme-Sesmonde), e dende o 27+400 ao 28+300.
Tamén se prevé a rehabilitación superficial do firme no tramo situado nas proximidades do acceso a Filgueira da Barranca. O orzamento das actuacións proxectadas nesta vía supera os 391.000 €, sendo o Concello de Oza-Cesuras no que se realizará a maior inversión.
AC-934: reparacións puntuais no firme dende o Pq. 18+060 (Os Cotos) ao 21+540 (en Sobrado dos Monxes). A obra complementa á levada á cabo no outono pasado na travesía de Sobrado.
Plan de Reforzos de Firme
Estas actuacións forman parte do Plan de reforzos de firme co que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda mellorará case 700 quilómetros de estradas de titularidade autonómica.
O Goberno galego continúa a traballar no obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas que melloren a súa calidade de vida, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.
A Consellería de Infraestruturas está a realizar importantes esforzos en materia de conservación de estradas, con actuacións que non só se limitan ás tarefas ordinarias de conservación, senón que ademais se complementan con obras de conservación extraordinarias.











