Igape e Amtega organizan un ciclo de webinars para afondar nas vantaxes dos servizos ReAcciona e ReAcciona TIC
A Xunta, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), organiza un ciclo e webinars para difundir os servizos que ofrecen os programas ReAcciona e ReAcciona TIC, cuxas vixentes convocatorias están abertas ata o día 28 de febreiro.
Serán en total 7 seminarios web que se celebrarán os venres de cada semana en horario de 9:30 a 10:30 horas. Estes webinars mostrarán as vantaxes dos diferentes servizos que ambos programas ofrecen ás pemes, como a xestión por procesos, a xeración de modelos e simulación industrial, as aplicacións de solucións de mobilidade ou a optimización financeira, entre outras, da man dos propios axentes prestadores dos servizos. Os seminarios previstos seguirán todos a mesma estrutura: tras unha breve introdución, falarase dos servizos do webinar correspondente a ese día e finalizarán cunha rolda de preguntas e debate.
As xornadas están especialmente dirixidas a persoal directivo e responsables de departamentos en empresas de todos os sectores (xerencia, compras, produción ou finanzas, entre outros). Para asistir cómpre inscribirse no enderezo de correo electrónico comunicacion@reacciona.igape.es ou a través do teléfono 986 419 922 (ext. 2030).
Nova convocatoria de axudas ReAcciona TIC
Logo da boa acollida desta primeira convocatoria, están a ser avaliadas as solicitudes recibidas na segunda convocatoria do programa ReAcciona TIC, e a terceira, xa activada, está aberta ata o próximo día 28. Está prevista unha nova convocatoria en marzo que se prolongará ata finais de maio.
Convenio de colaboración Amtega-Igape
No ano 2012 o Igape puxo en marcha a primeira edición do programa ReAcciona, con once servizos de mellora da competitividade empresarial, e que na actualidade se atopa na súa terceira edición. O pasado 2015, froito da colaboración entre o Igape e a Amtega, principiaba un novo programa baseado na filosofía do programa principal, ReAcciona TIC, e cuxa primeira edición iniciouse en setembro de 2016. Este programa está centrado na mellora da competitividade das empresas a través de sete servizos TIC. Tanto ReAcciona como ReAcciona TIC contan co apoio da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).
Calendario das presentacións:
24 de febreiro. Coñece a posición competitiva da túa peme e as súas necesidades dixitais.
3 de marzo. Como vender máis? Ferramentas de marketing para incrementar as vendas
10 de marzo. A dixitalización como clave para a mellora da xestión na peme
17 de marzo. Está a túa empresa preparada para o futuro? Plans e tendencias
24 de marzo. A industria 4.0 e o seu impacto no ámbito da cadea loxística
31 de marzo. A filosofía Lean e os seus beneficios para reducir custos na cadea de subministración
7 de abril. Incrementa a competitividade da túa peme cos ecosistemas de colaboración