publicidade hoxe

Goretti Sanmartín visita coñece o destino do Plan Único en Moeche

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMoeche
A-
A+

Nunha visita ás distintas obras financiadas pola Deputación no Concello de Moeche, a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín Rei, coñeceu tamén da alcaldesa Beatriz Bascoi os proxectos en que investirán os 374.000 € que lle corresponde no Plan Único de Concellos.

A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín Rei visitou acompañada da alcaldesa, Beatriz Bascoi, e do deputado de Patrimonio, Xesús Soto, diversos investimentos no concello de Moeche que foron financiadas con fondos da Deputación da Coruña. Entre elas, prestaron especial atención no percorrido polas distintas parroquias do concello ao estado de execución da Área Recreativa Souto Grande, en San Xurxo, ao parque recentemente acondicionado do colexio de San Ramón ou as melloras que se van executar no castelo. Na visita tamén participaron o concelleiro do goberno, Magín Lago e a concelleira Rocío Luaces.

Xusto uns minutos antes de que nenas e nenos abrisen por primeira vez as portas do parque do colexio de San Ramón, recentemente remodelado con fondos do PAS, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, e a alcaldesa, Beatriz Bascoi, comprobaban o resultado da execución dunha obra que foi recepcionada tan só unhas horas antes e en que a Deputación da Coruña investiu 44.000 € que foron destinados á zona de xogos e a área de deportes do centro escolar mais que tamén se habilitou para uso social do concello.

Despois de pasar por diversas vías municipais do concello, acondicionadas tamén con arredor de 44.000 € procedentes de fondos da Deputación, a visita dirixiuse á Área Recreativa Souto Grande, que conta con obras de execución para o seu acondicionamento que teñen previsto estar rematadas antes de inicio da tempada de verán. Xunto coas obras de renovación da contorna do Castelo de Moeche, a Deputación da Coruña inviste nestas dúas execucións da parroquia de San Xurxo un total de 75.961,22 euros.

“Comprobamos que Moeche está a experimentar un cambio espectacular, coa mellora e creación de novas infraestruturas destinadas a darlle servizo á veciñanza e con investimentos que reverten na súa calidade de vida”, destacou Goretti Sanmartín Rei despois de visitar tamén o que será novo centro sociocultural habilitado como sala de espectáculos, financiado tamén co apoio da Deputación da Coruña.

A alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoi, informou tamén no transcurso da visita dos investimentos aos que o goberno municipal destinará os fondos do Plan Único de Concellos polo que Moeche recibirá 374.000 €. O acondicionamento e humanización do recinto feiral (primeira fase), a mellora de varias vías municipais das distintas parroquias, a ampliación do saneamento na zona urbana, no lugar do Empalme, e mais a substitución da iluminación da estrada xeral co cambio de 125 puntos de luz a un novo sistema de baixo consumo son algúns dos destinos que o goberno municipal prevé para a partida do novo plan da Deputación da Coruña.

“Para un concello pequeno como o noso, o Plan Único é garantía de previsión e estabilidade, dous eixos fundamentais para a xestión. Agora temos posibilidade de ter previsión orzamentaria e autonomía á hora de decidir”, sinalou Beatriz Bascoi a respecto do novo plan da Deputación. A alcaldesa engadiu tamén que “esta disponibilidade permite que áreas como Cultura, Deporte, Benestar Social ou Promoción Económica conten con partidas específicas e poidamos saber desde o principio de ano o orzamento co que se pode contar”.

“Máis unha vez comprobamos de primeira man os beneficios que o Plan Único está a ter para os concellos, en especial para os pequenos. Moeche sabe desde o primeiro momento cal será a cantidade coa que pode contar e ninguén mellor que o propio concello para saber cales son as prioridades e os destinos máis urxentes e beneficiosos para a veciñanza”, sinalou Goretti Sanmartín.

Das obras visitadas, as pistas e o patio de xogos do colexio están xa rematadas mentres a Área Recreativa e a mellora do contorno do Castelo están en execución.

Entre as accións programadas no Castelo está a substitución do desniveis dos arredores da rampla de acceso por unha malla antiherbas fixada ao terreo e a retirada dos valados de madeira naqueles treitos que estean en mal estado, substituíndoos por novos postes e pasamáns. Evítase o uso de formigón no pavimento, ao tratarse de zonas protexidas por Patrimonio.

Ademais, vanse redistribuír parte dos bloques que protexen o foxo do castelo, polos arredores tanto do desnivel como do propio foxo e colocarase un novo valado de madeira, idéntico ao xa existente para unha maior seguridade nesta zona.

Área Recreativa de Souto Grande

En canto á área recreativa de Souto Grande, situada á beira do río Grande de Xuvia, estanse a acometer diversas intervencións no camiño de acceso á piscina. Execútanse tamén traballos de pintado nas prazas de aparcadoiro e do portalón, a restauración de todas as zonas axardinadas, así como a substitución da placa do monolito de pedra por outra de novo deseño. Colocaranse ademais varios valados co obxectivo de protexer os desniveis e retirarase a caseta dereita, instalando a continuación un novo panel de madeira, similar aos existentes.

No recinto da piscina pública estase a proceder tamén ao mantemento das sete casetas restantes, que inclúe a restauración dos paneis, a reforma de lavabos, sanitarios e duchas, así como cambio de carteis de sinalización.

A piscina humanizarase cunha serie de bancos corridos de pedra na contorna da piscina. Na zona de sombra con mesas, estanse a acondicionar todas as zonas verdes con terra vexetal e plantación de herbáceas e sistema de rego nunha obra que contempla tamén actuación na carpa de madeira, na caseta de fabrica do antigo ambigú e coa colocación de novo mobiliario e equipamento como mesas, bancos, unha fonte e papeleiras, entre outros elementos.

14 de febreiro de 2017 | 17:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.