publicidade hoxe

Formalízanse os contratos-programa con 130 centros educativos públicos da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, formalizou hoxe cunha sinatura simbólica os contratos-programa que desenvolverán un total de 130 centros educativos públicos da provincia da Coruña, un 15% máis que no curso 2015/16. No encontro cos equipos directivos destes centros, o titular do departamento de ensino da Xunta de Galicia quixo agradecerlles o seu esforzo e implicación na posta en marcha deste tipo de iniciativas, que levan consigo un traballo previo de análise das fortalezas e eivas da situación de cada centro e o seu alumnado.

Neste sentido lembrou que a Consellería vai reforzar o papel docente coa contratación de 49 profesores de apoio, que se centrarán, fundamentalmente, no desenvolvemento da liña 1 da iniciativa, a relativa a reforzo, orientación e apoio, herdeira do antigo Plan PROA.

Román Rodríguez quixo facer fincapé tamén no logro que para o conxunto do sistema educativo galego supón o feito de que, a través de iniciativas como os contratos-programa, se teña reducido ata niveis históricos na Comunidade a taxa de abandono temperá, que foi en 2016 dunha media do 15,2%, o que supón unha forte baixada desta taxa desde o ano 2009, no que se rexistrara unha media do 25,8%, e 3,8 puntos menos que a media de España, que finalmente acadou o 19% no 2016.

No acto participaron tamén o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal; o xefe territorial da Consellería na provincia, Indalecio Cabana; e o director do CIFP Someso, onde tivo lugar a sinatura, Juan Carlos González; entre outras autoridades.

Máis de 300 iniciativas

Os 130 centros de ensino públicos da provincia da Coruña que este ano participan na iniciativa desenvolverán un total de 310 iniciativas diferentes nas 6 liñas diferentes de actuación que compoñen a convocatoria: Acompañamento escolar fóra do horario lectivo, Mellora das competencias clave, Mellora da convivencia e promoción da igualdade nos centros, Prevención do abandono temperán e do absentismo escolar, Mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia e Mellora da calidade na xestión dos centros.

A liña de actuación número 1(antigo programa PROA) destínase ao reforzo, orientación e apoio do alumnado que presente dificultades de aprendizaxe, así como daquel con desvantaxe educativa polo contorno sociocultural. Un total de 86 centros docentes desenvolverán esta primeira liña, para o que contarán cun total de 47 docentes de apoio contratados a maiores pola Consellería para tal fin. A liña número 2, a referida á mellora das competencias clave, será desenvolvida por 97 centros participantes.

No caso da terceira liña, que se centra na mellora da convivencia e promoción da igualdade, contará coa participación de 61 centros; e na liña 4, dirixida á prevención do abandono escolar temperán e do absentismo escolar, participarán 13 centros.

Nas liñas 5 e 6, dirixidas á mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia e á mellora da calidade na xestión dos centros, participarán 40 e 13 centros educativos públicos, respectivamente.

Os contratos-programas procuran unha mellora da calidade do ensino para reducir a porcentaxe de alumnado con baixo rendemento. Para iso, cada centro de ensino analiza as súas eivas e fortalezas e propón á Administración educativa a sinatura dun documento, ‘o contrato-programa’, no que se propoñen actuacións para a mellora do alumnado. Deste xeito, a actuación funciona como un exercicio de autonomía dos centros, posibilitando que deseñen os seus propios plans de mellora en base ás súas necesidades particulares.

Polo tanto, a iniciativa permite visibilizar e poñer en valor o esforzo e o investimento, tanto do centro como da Administración educativa, para o éxito escolar, facendo partícipe ao profesorado mediante o recoñecemento do seu labor.

14 de febreiro de 2017 | 16:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.