Excelente acollida dos cursos do programa SmartPeme da Deputación de Pontevedra tras o salón Franquiatlántico
Centos de persoas pasaron este venres 24 polo stand que o programa SmartPeme da Deputación de Pontevedra instalou na XVII edición do salón Franquiatlántico Franquicias & Negocios que se celebrou no Exhibition Center da Terminal de Cruceiros do porto de Vigo. O stand permitiu dar a coñecer este programa orientado a asesorar autónomas e autónomos, persoas emprendedoras e empresas xa consolidadas para promover a utilización de ferramentas tecnolóxicas que poidan axudar no desenvolvemento dos seus negocios ou incrementar a súa visibilización ou produtividade, entre outras cousas.
Varias decenas de persoas solicitaron neste evento datos sobre a formación especializada que ofrece SmartPeme, algunhas delas coa idea de comezar inmediatamente varios dos cursos e outras unha vez que inicien os seus propios negocios. Igualmente dúas entidades solicitaron información sobre a posibilidade de que o seu persoal ou persoas asociadas puidera recibir cursos no marco do programa.
Os cursos de formación que organiza a Deputación de Pontevedra son de carácter gratuíto, e abordan temas como a realización de anuncios na rede social Facebook, a elaboración dunha estratexia dixital que emprega o correo electrónico como ferramenta de márketing destacada, a utilización de Google Apps, a avaliación de Twitter como rede social de transmisión de noticias empresariais ou a difusión de contidos a través de plataformas de contidos audiovisuais como Instagram, YouTube ou Periscope.
Ademais, o persoal técnico de SmartPeme realiza tarefas de titorización na incorporación das novas tecnoloxías tanto para as persoas como para as empresas participantes no programa e mesmo informa sobre axudas no ámbito tecnolóxico.
En total, Franquiatlántico acolleu este venres máis de medio cento de empresas entre firmas franquiciadoras e consultorías, que representaban máis de 200 marcas. Estas entidades acudiron a esta cita para achegar todo tipo de información ás persoas interesadas no emprendemento e en iniciar o seu propio negocio baixo o modelo da franquicia.