publicidade hoxe

Estrea do documental “Alcaldessa” en Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O Espazo en Común das Burgas continua mañá martes o ciclo audiovisual co que pretende convidar á reflexión sobre a revolución municipalista de 2015.

Na cita desta semana, proxectarase por vez primeira en Ourense o documental “Alcaldessa” (Pau Faus, 2016), que narra desde a proximidade a vida de Ada Colau durante o vertixinoso ano que a levou do activismo á alcaldía de Barcelona, retratando unha nova forma de entender a política que cambiou radicalmente o panorama político estatal.

O documental, de 85min de metraxe, segue os pasos de Ada Colau desde o seu papel como voceira da Plataforma de Afectados pola Hipoteca ata o día en que é investida alcaldesa da capital catalá coa candidatura cidadá de Barcelona en Comú. A crónica íntima dos feitos – que inclúe un vídeo-diario persoal da mesma Colau – e o acceso privilexiado ás entrañas da formación, mostran neste traballo un acontecemento extraordinario que reúne dous argumentos universais: o relato dunha vitoria histórica, paradigma dos cambios políticos do sur de Europa, e o combate interior de alguén que debe sacrificar a súa vida persoal en aras da vida pública como primeira alcaldesa da historia de Barcelona.

Alcaldessa” é a primeira longametraxe do artista visual Pau Faus, que recollía con este traballo o premio á Mellor Dirección no pasado Festival de Málaga, e recentemente o de Mellor Película Documental nos Premis Gaudí da Academia de Cinema Catalá.

De obrigada visión para amantes do cinema documental e para calquera cidadán mínimamente interesado na vida política, o filme é moito máis que recomendable para calquera espectador con ganas de ver cinema en maiúsculas feito no noso país.

A proxección será o martes 21 ás 20h no Espazo en Común das Burgas, con entrada libre a quen desexe asistir.

20 de febreiro de 2017 | 17:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.