publicidade hoxe

Economía destinou 2,2 millóns de euros a apoiar o desenvolvemento de 220 empresas da provincia de Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A Consellería de Economía, Emprego e Industria destinou a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) máis de 2.2 millóns de euros a apoiar o desenvolvemento de 220 empresas da provincia a través de diversos programas.

Gran parte das axudas concedidas destináronse a acometer melloras nas instalacións, compra de maquinaria ou proxectos de internacionalización, entre outros, e induciron un investimento total por parte dos beneficiarios de 6,3 millóns de euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, deu a coñecer estes datos hoxe durante unha visita á empresa Carronza SL, situada en Mocha (Baralla), dedicada á explotación forestal e á prestación de servizos forestais e que recentemente ampliou a súa actividade tamén ao sector da biomasa.

Diante do administrador da empresa, José Manuel Díaz González, o delegado gabou o esforzo que está a realizar esta entidade, que conta cun proxecto aprobado ao abeiro das bases “Fábrica 4.0”.

O apoio a Carronza SL enmárcase no programa do Igape orientado a favorecer a innovación e modernización das empresas no ámbito do desenvolvemento da Industria 4.0. En todo caso, na distribución por áreas, o montante máis significativo das achegas do Igape foi dirixido a impulsar os plans de internacionalización de 28 empresas lucenses.

O delegado territorial afirmou que “o impulso da Consellería de Economía ao tecido produtivo galego é constante e maniféstase a través de numerosas iniciativas”, e polo que respecta en concreto ás axudas do Igape, explicou que xa están convocadas liñas de axudas á internacionalización ou de apoio ao sector lácteo, e en breve se sumarán outras como as de modernización de proxectos empresariais.

Cabe engadir que entre os programas máis solicitados do Igape do último exercicio destacou a liña de axudas impulsada para dinamizar a actividade económica nos sectores relacionados coa construción e equipamento de cociñas e baños. En conxunto, 383 lucenses recibiron estas achegas para realizar reformas nas vivendas.

Carronza SL

A empresa Carronza SL naceu no ano 2003, emprega na actualidade a 10 traballadores e conta coas certificacións de calidade e medio ambiental ISO 9901 e ISO 14001. No ano 2015, segundo destacou José Manuel Balseiro, “contou tamén co apoio do Igape para adquirir os equipos de transformación da biomasa”.

A nova axuda da Consellería de Economía está destinada á incorporación do equipamento necesario para realizar tratamentos na madeira que permitan incrementar a cantidade e calidade do produto final, co fin de que a empresa poida expandir o seu mercado.

O delegado territorial subliñou a importancia “de que evolucione e medre unha empresa centrada no sector forestal, xa que Lugo é a provincia con máis superficie forestal de Galicia e debemos utilizar ese recurso para desenvolver unha explotación eficiente e sustentable, que xere emprego e riqueza no noso territorio”.

2 de febreiro de 2017 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.