publicidade hoxe

Cores Tourís comproba o cambio de cuberta no CEIP Sestelo Baión de Vilanova de Arousa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilanova de Arousa
A-
A+
Cores Tourís na visita ao CEIP Sestelo Baión

Cores Tourís na visita ao CEIP Sestelo Baión

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou esta mañá, en compaña do alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, as obras executadas pola Consellería de Educación no CEIP de Sestelo-Baión e que permitiron reformar e cubrir a cuberta que se atopaba en mal estado.

O delegado territorial estivo acompañado na visita a este colexio polo xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, así como polo equipo directivo e os responsables da Unidade Técnica da Xefatura Territorial.

As obras centráronse na reforma da cuberta deste centro educativo de Vilanova de Arousa que se atopaba en mal estado e estaba conformada por tella curva cerámica sobre pranchas onduladas de fibrocemento. “O cambio foi necesario xa que unha parte importante das tellas”, explicou Cores Tourís, “atopábanse soltas ou rotas, polo que consideramos moi necesario o seu cambio para garantir a seguridade da comunidade educativa”.

Os traballos, que contaron cun orzamento de 60.000 euros, supuxeron o desmontado das tellas existentes e a cubrición con novas pezas.

O delegado territorial asegurou que “estamos a falar dunha obra moi importante para este colexio e que quedou francamente ben. De feito, o temporal que vivimos fai uns días o deixou claro, porque a cuberta non sufriu dano algún”.

“Temos que felicitarnos polo ben que quedou esta obra, e tamén temos que felicitar ao centro, porque hoxe mesmo cumpre 27 anos, e polo que estamos vendo, atópase nun estado de conservación e mantemento moi bo, o que tamén temos que agradecer ao concello de Vilanova de Arousa e ao equipo directivo do colexio”, engadiu Cores Tourís, quen incidiu incidiu así na necesidade de seguir a contar coa colaboración dos concellos, non só para o mantemento dos centros educativos, senón tamén para continuar a “levar a cabo as reformas e melloras necesarias. A colaboración entre administracións é non só positiva, senón que nos permite aumentar o número de actuacións a levar a cabo”.

Nos últimos anos, a Consellería de Educación investiu máis de 600.000 euros nas melloras dos centros de Primaria e Secundaria da localidade, con obras como a reforma de aseos no CEIP de San Bartolomé onde tamén se cambiou a cuberta, a insonorización do ximnasio do IES A Basella, a reforma de fiestras do colexio de San Roque ou a reforma e impermeabilización da fachada oeste do CEIP de Viñagrande-Deiro.

14 de febreiro de 2017 | 17:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.