publicidade hoxe

Bankia apoia o ‘Programa de respiro familiar’ de ASPAS con 7.875 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

A Asociación ASPAS recibiu o apoio de Bankia, por importe de 7.875 euros, para o seu ‘Programa de respiro e emerxencia familiar’, que ten como finalidade cubrir en momentos puntuais a atención aos membros con discapacidade intelectual das familias de ASPAS cando na contorna familiar xorden emerxencias ou situacións de estrés.

A achega de Bankia enmárcase no seu programa ‘Red Solidaria’, polo que as súas oficinas apoian un proxecto social próximo, que elixen no principio do ano, se logran alcanzar os seus obxectivos de negocio no conxunto do exercicio. No ano 2016, un total de 245 proxectos recibiron apoio económico por máis de 1,4 millóns de euros grazas ao programa da entidade bancaria, o que favoreceu a máis de 74.980 persoas en España.

O programa de respiro desenvólvese tamén coa colaboración do Concello de Santiago, que realiza unha achega económica e cede as vivendas nas que se presta o servizo. Trátase dun programa de estancia temporal para dar apoio ás familias na atención á persoa con discapacidade intelectual nos momentos de cansazo, estrés ou emerxencia. As xornadas de respiro están tuteladas por monitores que dan asistencia nas actividades da vida diaria, nas que tamén se promove a autonomía dos usuarios. 

Red Solidaria

O programa ‘Red Solidaria’ de Bankia iniciouse en 2013 e, desde entón, trata de recoñecer o esforzo dos empregados no logro de obxectivos de negocio a través do apoio de proxectos sociais próximos, propostos polos propios empregados, co obxectivo de que a acción social do banco se desenvolva nas localidades onde está presente. 

Deste xeito, a entidade apoia ás asociacións, fundacións e ONG que desenvolven programas de acción social nestas zonas e que xeran un impacto local perceptible polos seus clientes e empregados.

Este é o caso da oficina 4007 de Santiago de Compostela, situada na Rúa do Hórreo. Os seus  empregados elixiron, de forma conxunta, apoiar o proxecto de respiro familiar de ASPAS e obtiveron unha dotación económica de 7.875 euros grazas ao cumprimento dos seus obxectivos de negocio.

Asociación ASPAS

A Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual ASPAS leva 50 anos traballando pola mellora da  vida das persoas con discapacidade intelectual e as súas familias, conseguindo e facilitando os apoios necesarios para a defensa dos seus dereitos.

Unha organización sen fin de lucro que promove servizos con criterios de calidade, axustados ás necesidades das persoas e que incrementen o seu grao persoal de benestar, autonomía e integración social.

14 de febreiro de 2017 | 18:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.