publicidade hoxe

As brigadas da Deputación de Pontevedra realizaron 180 actuacións durante o temporal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

As brigadas de mantemento das estradas provinciais realizaron máis de 180 actuacións de emerxencia na rede viaria da Deputación por mor do temporal dos últimos días. Os avisos de 142 das actuacións chegaron a través da Unidade de Control e Vixilancia da DEPO que recibe as chamadas do 112, alcaldes e outros servizos de emerxencia, mentres que o resto foron advertidas polos propios operarios do servizo de Mobilidade provincial nos percorridos das súas respectivas zonas.

Segundo constatou a xefa dos Servizos Técnicos de Mobilidade, durante os días laborais que houbo alerta meteorolóxica as nove  brigadas  existentes na Deputación (catro con base en Pontevedra, unha en Lalín, dúas en Codeseda, unha en Gondomar e outra en Ponteareas) traballaron en horario habitual de 8 da mañá ás 18 horas e despois en garda localizada –o resto das 24 horas-. Durante o sábado, en labores de emerxencia fóra da súa xornada laboral, estiveron a traballar as tres brigadas de garda habituais durante as fins de semana máis outras catro como reforzo programado. O domingo, dado o escaso número de avisos, só foi preciso manter as tres brigadas de garda habituais e púidose dar descanso ao resto. 

No día de hoxe e de onte os traballadores dos equipos de mantemento están a realizar percorridos de zona e traballos de mantemento e limpeza das estradas para retirar árbores en risco de caída, rozas e limpezas de estradas. A valoración económica das deficiencias é conservadora posto que ata o de agora non se constataron grandes danos nas plataformas: as principais incidencias foron por caídas de árbores, asolagamentos e limpezas de vía que non deixaron en mal estado o firme. Só na estrada Luís Rocafort de Sanxenxo se advertiron danos na calzada, mais solucionáronse inmediatamente de forma provisional cun asfaltado en frío –cos medios do parque de maquinaria- ata a súa mellora definitiva en vindeiras datas. 

Nas vindeiras xornadas, en calquera caso, seguiranse a realizar traballos de mantemento e volta á normalidade e recabaranse as comunicacións de danos que os concellos consideren oportunas para a súa valoración.

7 de febreiro de 2017 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.