publicidade hoxe

Arrinca na Guarda a “Semana por Rosalía”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Guarda
A-
A+

Tal e como fora anunciado pola Concellería de Cultura do Concello da Guarda en días pasados, este luns día 20 de febreiro deron comezo na vila as actividades programadas dentro da “Semana Por Rosalía”. Arranca así unha iniciativa que celebrará cinco días adicados á figura de Rosalía de Castro, en conmemoración do 180 aniversario do nacemento da escritora, o 24 de febreiro.

A primeira das actividades que xa deu comezo este luns foi “Rosalía na Escola”, un recital de poemas ofrecidos do luns ao mércores por Maruxo nos centros de primaria da vila. 

Outra das actividades que tamén se iniciaron é a realización dun “Mural por Rosalía”, que os alumnos e alumnas dos centros de secundaria da Guarda xa comezaron a realizar para render homenaxe a autora máis importante das nosas letras a través dun deseño. 

Durante o resto da semana seguiranse desenvolvendo estas e outras actividades adicadas a Rosalía de Castro, como a sesión de Contos Contados do sábado 25 de febreiro, que se celebrará ás 11’30 horas na Biblioteca Municipal, e que servirá para que os máis cativos da vila tamén aprendan máis sobre a figura clave da poetisa.

Non obstante, a gran cita da “Semana por Rosalía” terá lugar este xoves 23 de febreiro no “Festival por Rosalía” organizado dende o Concello da Guarda. Os veciños e veciñas da vila teñen ese día unha cita ás 20’30 horas no Centro Cultural, na que será unha celebración da vida e obra da escritora. Para isto haberá un recital de poemas de Rosalía a cargo de Maruxo e de rapaces da vila, ademais das actuacións de Coro Fuscalheiro, Son’Godins e o grupo de baile Xamaraina.

Dende o Concello convídase a todos e todas a esta celebración da vida e obra de Rosalía de Castro, a asistir a unha cita tan importante coa cultura galega como será o “Festival por Rosalía” deste xoves e a unirse á iniciativa “Cada día un poema”, compartindo de luns a venres un poema da escritora, cada día, nas redes sociais.

20 de febreiro de 2017 | 18:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.