publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Ángel Bernardo Tahoces supervisa a mellora dos parques empresariais da provincia de Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoO Saviñao
A-
A+
Ángel Bernardo Tahoces na visita ao parque industrial do Peago

Ángel Bernardo Tahoces na visita ao parque industrial do Peago

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, visitou esta mañá, na localidade lucense do Saviñao, o parque industrial do Peago, onde se realizaron traballos de mellora na rede viaria. Esta intervención, na que a Xunta colaborou con máis de 94.000 euros, o 80% do orzamento final, desenvolveuse dentro da edición de 2016 do plan de melloras de infraestruturas nos polígonos empresariais de Galicia, un programa a través do que, na provincia de Lugo, se executaron obras en 11 concellos. Neste sentido, Bernardo Tahoces lembrou que xa está aberto o prazo para as novas convocatorias de 2017, tanto para este programa como para a de novos viveiros industriais.

As dúas novas convocatorias para impulsar melloras nos parques empresariais galegos xa existentes e para poñer en marcha novos viveiros están enmarcadas dentro do Plan de Acción para a Captación de Investimentos en Galicia. Cun orzamento total de 4,7 millóns de euros, o prazo para presentar as propostas estará aberto ata o próximo 20 de marzo. Tal e como indicou o director xeral de Enerxía e Minas, estas ordes de axuda buscan fomentar actuacións que repercutan na cidadanía ao poder facilitar aos concellos a incorporación ou renovación de infraestruturas e o fomento do emprendemento e a creación de novas empresas de carácter industrial. Ademais, contribúen a mellorar a competitividade da oferta de solo empresarial galego como elemento dinamizador da economía e do emprego local.

No caso dos parques empresariais, a liña de axudas conta cun orzamento de 4.197.000 euros, un 10,4% máis que na edición do ano pasado. Son apoios de ata o 80% do custo subvencionable, cun máximo de 120.000 euros por solicitude. Os proxectos que leven a cabo agrupacións ou fusións de concellos incrementarán nun 15% a contía da axuda con respecto ao que lle correspondería a cada municipio de xeito individual, é dicir, ata o 95% do custo e cun máximo de 180.000 euros. Desta forma, a Consellería de Economía, Emprego e Industria prima a xestión compartida que posibilita unha redución de gastos nas arcas municipais.

As obras que visitou hoxe o director xeral de Enerxía e Minas en O Saviñao están incluídas na convocatoria do ano pasado. A execución deste proxecto permitiu o acondicionamento de 550 metros de vías de acceso e da rede interior do polígono do Peago. As actuacións desenvolvéronse nun camiño xa existente para permitir o enlace coa antiga estrada C-533, nun tramo de acceso á depuradora e nas rúas centrais do parque empresarial. Tamén se realizaron traballos de limpieza e de mellora do firme en outros puntos do polígono.

Bernardo Tahoces destacou que, en total, a través da convocatoria de 2016 para a mellora dos parques empresariais e a destinada a posta en marcha de viveiros industriais, a Xunta colaborou con 13 polígonos industriais da provincia de Lugo con axudas por máis dun millón de euros.

Viveiros industriais

O director xeral de Enerxía e Minas tamén indicou que, na convocatoria para fomentar a creación de viveiros industriais de empresas nos polígonos, os apoios da Xunta poden alcanzar ata o 80% do custo. Esta orde, cun orzamento de 500.000 euros, ten como obxectivo habilitar novos espazos que se poñerán a disposición dos emprendedores do sector industrial a prezos vantaxosos e por un prazo que pode alcanzar os 24 meses. As empresas que se localizarán nos viveiros deberán desenvolver unha actividade empresarial de carácter industrial e presentar un proxecto que avale a súa viabilidade económica e técnica.

Trátase da segunda edición deste programa, que en 2016 permitiu a posta en marcha de 5 viveiros industriais en Galicia, dos que dous están situados na provincia de Lugo, en concreto, nos municipios de Outeiro de Rei e Friol.

23 de febreiro de 2017 | 16:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.