ACADAR inicia un programa de empoderamento e integración sociolaboral para mulleres con discapacidade
A Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR) pon en marcha nas provincias de A Coruña e Pontevedra o “Programa de Empoderamento e Activación para o Emprego”,dirixidoa mulleres con discapacidade, e que se vai levar a cabo nas instalacións que COGAMI ten en A Coruña (Avenida de Cádiz, nº1, 1º andar), Santiago (Modesto Brocos, nº7, 3º bloque) e Pontevedra (rúa da Marquesa nº5-7,1ºD).
Esta iniciativa desenvólvese a nivel estatal a través do convenio establecido entre Obra Social ”la Caixa” e a Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica (COCEMFE).
O obxectivo principal do programa é fomentar o empoderamento e potenciar a integración sociolaboral das mulleres con discapacidade. A partir da intervención individual e grupal e de itinerarios personalizados de inserción sociolaboral, pretende cubrir a necesidade de empoderar ás mulleres con discapacidade como proceso que fomenta a súa autonomía social e económica, e que serve como motor para a activación para o emprego naquelas mulleres con discapacidade en desemprego de longa duración e/ou en situación de maior vulnerabilidade
A través deste programa, no que participarán 75 mulleres con discapacidade deA Coruña e Pontevedra, realizarase un itinerario personalizado de inserción sociolaboral; sesións grupais de apoio psicosocial; coaching grupal orientado ás habilidades prelaborais e alfabetización tecnolóxica e seguimento a nivel individual para a consecución de obxectivos e metas específicas expostas con cada beneficiaria.
Ademais, traballarase de forma coordinada co Programa Incorpora de Obra Social ”la Caixa”, no que tamén colabora COCEMFE e que ofrecerá orientación laboral e intermediación para o emprego ás beneficiarias do programa na busca activa de emprego.
Transversalmente levaranse a cabo accións de formación e/ou sensibilización en materia xénero e discapacidade enfocadas á centralidade do traballo como perspectiva fundamental para o empoderamento e independencia da muller con discapacidade.
ACADAR
A Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia, ACADARé unha organización non gubernamental que forma parte de COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade). Foi constituída por un grupo de mulleres con inquietudes e desexos comúns de alcanzar a igualdade efectiva de oportunidades das mulleres con discapacidade galegas, de reivindicar o cambio social e ofrecer servizos que satisfagan as súas necesidades e expectativas.
A misión da entidade é promover, coordinar e reivindicar a defensa dos dereitos das mulleres con discapacidade en todos os ámbitos da vida, facendo visible a interacción dos diversos factores que condicionan a nosa autonomía e nos sitúan nunha posición con maiores niveis de discriminación.