A Xunta urxe a Vigo a que inicie o trámite de información pública para a intermodal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

A Xunta de Galicia urxe ao Concello de Vigo a que inicie xa o trámite de información pública para levar adiante o proxecto da estación intermodal e publique xa o anuncio que da comezo ao período de exposición pública.

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, lembrou que a día de hoxe dito anuncio non saíu publicado no Boletín Oficial da Provincia (BOP) nin tampouco nun dos diarios de maior difusión da provincia, requisitos aos que obriga a Lei 3/2016 para dar comezo ao período de información pública. “Ata que non saía publicado, o prazo de exposición pública non comeza”, explicou o delegado, quen especificou que o goberno local xa ten o expediente enriba da mesa dende hai 14 días.

Segundo a Lei 3/2016, o Concello de Vigo debe someter o expediente a información pública durante un prazo de 20 días e emitir informe preceptivo e vinculante no prazo dos 10 días seguintes. A Administración autonómica empraza así ao goberno local a que axilice os trámites que lle corresponden xa que, deste xeito, en 6 meses podería estar resolto o problema urbanístico derivado da anulación do PXOM.

Compre lembrar que a Xunta de Galicia deu solucións ao problema urbanístico da cidade despois de que o Tribunal Supremo anulara o Plan Xeral co impulso e aprobación da Lei 3/2016 para o desenvolvemento urbanístico de proxectos de especial interese público.

Deste xeito, e no caso concreto do proxecto da estación intermodal, a falta de PXOM garántese a seguridade xurídica con esta lei. Para isto, é necesario que a Administración local se sume ao esforzo conxunto do Goberno galego e o Ministerio de Fomento pola citada terminal e axilice a blindaxe urbanística co trámite de información pública e a emisión do informe favorable. Ademais, así se estableceu no encontro que tiveron as tres administracións en xaneiro do pasado ano, cando se acordou que a tramitación da intermodal sería a través desta lei.

21 de febreiro de 2017 | 16:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.