publicidade hoxe

A Xunta traballa para formar ás persoas en risco de exclusión cara aos novos perfís profesionais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Covadonga Toca na visita ás instalacións de Arroupa. Foto: X. Crespo

Covadonga Toca na visita ás instalacións de Arroupa. Foto: X. Crespo

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, visitou hoxe en Santiago as instalacións da empresa de inserción laboral Arroupa que promove Cáritas. Esta iniciativa conta con 4 centros de traballo: tres tendas de roupa de segunda man nas localidades da Coruña, Pontevedra e Santiago e as instalacións principais emprazadas no polígono do Tambre, onde se centralizan as tarefas de recollida e clasificación da roupa. Na actualidade, o cadro de persoal está composto por 20 traballadores.

Toca destacou o labor que está a realizar a Administración autonómica para favorecer a integración no mercado laboral das persoas en risco de exclusión social. Así, sinalou que traballa para formar a este colectivo cara aos novos perfís profesionais que demandan as empresas. Durante a súa intervención, indicou tamén a importancia de que todos os axentes socioeconómicos traballen na mesma dirección para “acadar a meta dun emprego 100% inclusivo”.

O emprego inclusivo, segundo engadiu, é un obxectivo prioritario para a Xunta, recordando o compromiso da Consellería de Economía, Emprego e Industria pola integración das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social. Neste senso, lembrou que a Xunta, a través da Axenda 20 para o Emprego, está a reforzar as axudas ás empresas de inserción laboral e para a contratación dos máis vulnerables. Este ano o orzamento para os centros especiais de emprego e empresas de inserción aumentan nun 18% ata chegar aos 12,2 millóns de euros.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria está a primar, ademais, a creación de postos de traballo dos que máis o necesitan cunha maior intensidade de axuda no emprego de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión.

A secretaria xeral de Emprego agradeceu a Cáritas o traballo que vén realizando neste sentido, ao tempo que mostrou o apoio do Goberno galego coas empresas de inserción laboral. “A colaboración da Xunta con Cáritas é un exemplo da aposta por unha cultura de integración que implica o traballo conxunto tanto das administracións como das empresas e da sociedade civil”, rematou.

23 de febreiro de 2017 | 16:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.