A Xunta reforza a coordinación na loita contra a couza da pataca
A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, fixo esta mañá unha chamada á responsabilidade dos agricultores dos concellos afectados pola couza da pataca (Tecia solanivora) para que eviten facer novas plantacións de tubérculo, co fin de deter a expansión desta praga.
Belén do Campo reuniuse con responsables municipais dos 31 concellos incluídos na zona demarcada por esta praga de corentena (13 na provincia da Coruña e 18 na de Lugo), acompañada polos respectivos delegados territoriais da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e en Lugo, José Manuel Balseiro. Mañá manterá unha nova xuntanza con representantes das organizacións profesionais agrarias e o mércores cos responsables da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pataca de Galicia. O obxectivo destes encontros e informar aos afectados sobre a incidencia da praga e as medidas adoptadas e previstas para atallala, así como reforzar a coordinación entre os axentes implicados.
A directora xeral lembrou que Medio Rural leva traballando dende 2015 no seguimento e control desta praga, que polo de agora –remarcou– afecta unicamente a zonas dedicadas ao autoconsumo, sen ter apenas incidencia na venda de tubérculos. Así, incidiu en que a Consellería levou a cabo multitude de accións informativas, especialmente nas áreas afectadas, con reunións e edición de material divulgativo, ademais de desenvolver accións directas para frear este problema, tales como medidas fitosanitarias, colocación de trampas para atrapar o insecto causante da praga, restricións ao movemento de pataca, establecemento de zonas de contención, etc. O obxectivo primordial da Xunta é evitar que chegue a afectar a importantes zonas de produción para venda e en especial aquelas incluídas na Indicación Xeográfica Protexida.
Borrador de decreto
Belén do Campo sinalou que o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (Mapama) elaborou un borrador de decreto sobre este tema que trasladou ás comunidades autonómas (entre elas Galicia), co fin de recoller propostas e alegacións. Por iso, engadiu, se están a manter estas xuntanzas de traballo cos afectados.
Esta norma do Mapama –explicou a directora– contempla a posibilidade de prohibir a plantación de patacas nas zonas infestadas, polo que aconsellou aos agricultores destas áreas paralizar, polo de agora, novos cultivos. Recordou ademais que nos anos 2015 e 2016 destruíronse en Galicia 6.800 quilos de tubérculo afectado por esta praga, pagándolles aos produtores a razón de 0,30 céntimos por quilo. Ademais, o borrador do decreto ministerial contempla a posibilidade de compensar aos agricultores polos danos causados pola couza.
Precisamente, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha resolución da Consellería do Medio Rural pola que se amplían as zonas demarcadas pola presenza desta praga da couza da pataca. A área afectada queda conformada polos concellos de Ferrol, Narón, Neda, Valdoviño, San Sadurniño, A Capela, Fene, Mugardos, Ares, Cabanas, Ortigueira, Mañón e As Pontes de García Rodríguez na provincia da Coruña e os concellos do Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros, Ribadeo, Trabada, Lourenzá, Mondoñedo, Alfoz, O Valadouro, Ourol, Abadín, A Pastoriza, Riotorto e A Pontenova na provincia de Lugo.
Medidas fitosanitarias
Nesta resolución decrétase tamén manter as medidas fitosanitarias establecidas para facer fronte a esta praga. Entre elas, as obrigas para os agricultores de retirar do terreo e destruír todos os tubérculos danados, realizar tratamentos específicos, usar semente libre da praga e colocar trampas con feromonas para a captura do insecto. Tamén permanecen en vigor instrucións para os comercializadores, tales como a obriga de desinfectar os almacéns, aplicar tratamentos fitosanitarios e colocar trampas, así como para o movemento de tubérculos, de xeito que continúa a prohibición de sacar patacas das zonas demarcadas.











