publicidade hoxe

A Xunta realizará obras de mellora nas vivendas de promoción pública de Melide cun investimento duns 860.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMelide
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, mantivo unha xuntanza de traballo coa alcaldesa de Melide, Dalia García, na que lle trasladou que a Xunta realizará obras de mellora nas vivendas de promoción pública deste municipio mediante un investimento de máis de 860.000 euros.

Vázquez Mourelle explicou que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) está avanzando nos proxectos para actuar en dous bloques, xa que un deles xa está redactado e supervisado e o outro está en redacción. Precisou que con estes traballos mellorarase a eficiencia enerxética dos inmobles destes edificios.

No encontro, a conselleira tamén lle comunicou á rexedora que o seu departamento está traballando en proxectos de varias actuacións de mellora na rede viaria autonómica ao seu paso polo Concello de Melide coa fin de incrementar a seguridade na zona.

A titular de Infraestruturas lembrou que a Xunta vén de licitar un contrato que inclúe obras de reforzos de firmes en varios tramos de estradas autonómicas na provincia da Coruña, entre as que se atopa a que une Betanzos co límite da provincia e Agolada (AC-840), na que executarán rehabilitacións puntuais ao seu paso polo Concello de Melide.

A conselleira comprometeuse a atender a solicitude para dotar dun carril central á estrada AC-840, no p.q. 46+100, na intersección coa vía local a Zas de Rei. Con estes traballos aumentarase a visibilidade neste punto e polo tanto, tamén a seguridade.

Nesta reunión, a responsable de Infraestruturas tamén indicou que o seu departamento está a avanzar no proxecto para a reposición de servizos na mesma estrada, no tramo entre os p.q. 50+260 e 50+410, concretamente na rúa San Pablo, onde se prevé substituír o colector de saneamento. Esta actuación solucionará os problemas que se veñen producindo nesta zona os días de precipitacións intensas.

A Consellería de Infraestruturas tamén levará a cabo a talla de 600 árbores na estrada AC-840, concretamente no treito comprendido entre os puntos quilométricos 53 e 59, co obxectivo de aumentar a seguridade nesta área.

16 de febreiro de 2017 | 16:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.