A Xunta pon en valor os programas integrados de emprego en Santiago para aumentar as oportunidades laborais dos galegos
O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, visitou hoxe en Santiago a Asociación Área Empresarial do Tambre que ten en marcha o Programa Integrado de Emprego (PIE) Tambre Traballa II, cofinanciado pola Xunta, no que están a participar 60 mozos menores de 30 anos sen emprego.
O director xeral puxo en valor, nun encontro que mantivo cos alumnos e alumnas para coñecer as súas impresións, este tipo de iniciativas como un instrumento para aumentar as oportunidades laborais.
A mellora da formación para desempregados é, segundo apuntou Marnotes, “unha aposta clara para o Goberno galego porque incrementa as oportunidades para atopar un traballo” e, por iso, este ano refórzase este eido cun incremento no orzamento dun 21,6% chegando ata os 86,2 millóns de euros.
Con respecto aos Programas Integrados de Emprego, explicou que melloran a inserción laboral dos seus participantes a través de itinerarios personalizados de orientación e asesoramento, ao tempo que ofrecen formación e prácticas en empresas. Estes programas, de feito, contan cunha inserción mínima do 25% dos seus participantes.
A Xunta puxo en marcha o pasado ano 49 Programas Integrados de Emprego dirixidos tanto aos concellos como ás entidades sen ánimo de lucro dos que se están a beneficiar 3.500 persoas sen emprego. Para iso, a Consellería de Economía, Emprego e Industria investiu preto dun 21% máis do orzamento que en 2015.
Marnotes, ademais, fixo fincapé noutras medidas que está a poñer en marcha o Goberno galego para impulsar a formación no emprego como son as Unidades Formativas nas Empresas
A Xunta investirá este ano nesta medida, que se puxo en marcha por primeira vez o ano pasado, un total de 1,4 millóns de euros co que se prevé beneficiar a 450 alumnos a través de 30 unidades formativas. Este orzamento é ampliable para atender a todas as solicitudes sempre que cumpran cos requisitos establecidos na orde de axudas que se publicará proximamente no Diario Oficial de Galicia (DOG).
A Administración autonómica con esta actuación, que é unha demanda do tecido empresarial galego, financia o 100 por cento da formación das empresas que, pola súa banda, deberán contratar a un mínimo do 60% dos participantes. Aquelas compañías que superen este mínimo de inserción laboral contarán, ademais, con incentivos da Xunta para a contratación que poden chegar aos 9.000 euros no caso dun contrato indefinido.
Marnotes salientou que Galicia é a única Comunidade Autónoma que, a través deste tipo de programas de formación á carta, financia directamente a contratación que supere o compromiso de inserción laboral fixado.
Novidades na formación
Por último, o director xeral referiuse ás melloras introducidas este ano nos cursos de formación para desempregados que dan acceso a certificados de profesionalidade.
Deste xeito, para continuar mellorando o potencial dos galegos e das galegas e que podan acceder ao mercado de traballo en igualdade, o Goberno galego centrará a programación do 2017 nos sectores con maiores índices de inserción laboral, cun enfoque claro na Industria 4.0 e naqueles que son estratéxicos e emerxentes, definidos na Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0. Os menores de 30 contarán, ademais, cun programa específico de formación.
A formación para desempregados ampliarase, ademais, a través do programa Cualifica FP, que permitirá contar con máis de 3.200 novas prazas neste tipo de oferta formativa, xa que este ano impartiranse tamén este tipo de accións formativas nos centros de ESO e FP. En palabras de Marnotes, a Administración autonómica con esta actuación multiplica por tres o orzamento, o número de cursos e de prazas de formación para desempregados da rede pública.
Marnotes, por último, apuntou que estas medidas enmárcanse na Axenda 20 para o Emprego, a folla de ruta do Goberno galego en materia laboral coa que se prevé impulsar a creación de 80.000 novos postos de traballo ata 2020, a conversión de 50.000 contratos en indefinidos ou acadar unha inserción trala formación dun 60%.