A Xunta loa o traballo da asociación de axuda ao enfermo mental DOA no seu 30 aniversario
O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, asistiu esta mañá aos actos polo 30 aniversario que a Asociación de Axuda ao Enfermo Mental DOA celebrou hoxe na súa sede da rúa Romil.
Acompañado polo presidente e xerente da asociación, Leopoldo Robla e Juan Manuel Adá, respectivamente, López-Chaves participou na Xornada de Portas Abertas, onde coñeceu a labor que levan a cabo, un traballo “vocacional que se fai con cariño e aprecio”, dixo. “A sociedade debe contar con asociacións coma a vosa”, considerou, recoñecendo e agradecendo así o traballo que, tanto equipo directivo coma traballadores, realizan diariamente cos usuarios e usuarias do centro co fin de prestar atención, axudar e contribuír á integración sociolaboral do enfermo mental.
López-Chaves loubou así o importante traballo que desenrolan cos usuarios e usuarias e tamén de cara á cidadanía co obxectivo de sensibilizar á poboación para mellorar a calidade de vida destas persoas.
A Asociación de Axuda ao enfermo Mental DOA constitúese no ano 1987 por iniciativa de familiares de persoas con enfermidade mental crónica. O seu nacemento fundaméntase pola carencia de recursos sociais axeitados para o tratamento dos seus familiares con motivo da reforma psiquiátrica.
Na actualidade é a única entidade privada que presta atención a este colectivo, xestionando diversos servizos, algúns deles en colaboración co Sergas.
Neste senso, conta con prazas concertadas para o seu Centro de Rehabilitación Psicosocial de Vigo así coma no centro que teñen en Cangas. Ademais, e tamén en colaboración co equipo de rehabilitación de Saúde Mental do Sergas, executa o programa de Pisos Protexidos, repartidos en 7 pisos -3 dos cales se sitúan en Vigo-.
DOA ofrece tamén un servizo de atención a domicilio e a familias, realizan programas de actividades ocupacionais e rutinas prelaborais, así como de ocio para enriquecer a xestión do tempo libre, ademais de actividades dirixidas ao mantemento e mellora do estado físico.