A Xunta licitará as obras da primeira fase da Cidade da Xustiza de Vigo nas vindeiras semanas
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda avanzou hoxe que nas vindeiras semanas, o goberno galego licitará as obras da primeira fase da Cidade da Xustiza de Vigo, cun orzamento de 3,2 millóns de euros, coa previsión de adxudicala en maio e iniciar de inmediato os traballos axilizando ao máximo o procedemento para que o futuro complexo xudicial sexa unha realidade o antes posible.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves asistiu esta mañá á reunión da Comisión de Seguimento do Proxecto da Cidade da Xustiza de Vigo, que tivo lugar na Delegación da Xunta, onde se indicou que unha vez licitadas as obras, procederase a solicitar ao concello a correspondente licenza para levar a cabo estas obras, e iniciar as demolicións neste semestre.
Na reunión do Comité de Seguimento do Proxecto da Cidade da Xustiza, no que están representados tanto membros da Xunta, coma do concello e de todos os axentes implicados coma xuíces, avogados, fiscais, secretarios coordinadores, procuradores e arquitectos, e onde o responsable do proxecto, o arquitecto Alfonso Penela, explicou perante a Comisión o proxecto da primeira fase.
Para axilizar ao máximo a posta en marcha do edificio, o proxecto dividiuse en dúas fases, a fase de execución, coa parte de demolición daquelas partes do edificio do antigo Hospital Xeral que serán retiradas e unha segunda fase de obra de rehabilitación, que será entregada no terceiro trimestre deste ano para poder estar en obras antes de que remate o ano e cun prazo de execución de 24 meses, co obxectivo principal de que o edifico sexa unha realidade antes de rematar 2019, cun investimento global que roldará os 25 millóns de euros.
Dende a Xunta apostouse por rehabilitar un edificio emblemático da cidade, concentrando nun mesmo sitio todas as dotacións xudiciais da cidade, poñendo en marcha unha Cidade de Xustiza moderna, ben dimensionada, e buscando mediante o concurso de ideas a mellor solución para converter o antigo Xeral na nova Cidade da Xustiza de Vigo, concentrando nun mesmo edificio todas as dotacións xudiciais da cidade, gañando máis de 20.000 metros cadrados novos de espazo e situando no inmoble 35 unidades xudiciais, con espazo libre para futuras ampliacións, contando xa dende o primeiro momento coa axuda e co asesoramento dos arquitectos da cidade, dos operadores xudiciais e do concello.