publicidade hoxe

A Xunta apoiou con 260 millóns de euros a modernización da industria transformadora de produtos do mar dende o 2009

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Rosa Quintana no Workshop da Sociedade Española de Probióticos e Prebióticos

Rosa Quintana no Workshop da Sociedade Española de Probióticos e Prebióticos

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, lembrou hoxe en Santiago o apoio da Xunta á mellora da industria transformadora de produtos do mar, un eido ao que a Consellería do Mar destinou máis de 260 millóns de euros na etapa 2009-2016. Así o explicou a titular de Mar durante a inauguración do VIII Workshop da Sociedad Española de Probioticos y Prebióticos, onde tamén destacou o obxectivo da Xunta de seguir “estimulando o aproveitamento de todos os apoios dispoñibles neste eido para xerar valor engadido”.

Neste sentido, Rosa Quintana fixo fincapé en que a Xunta “fomentará o avance cara a competitividade e a excelencia nunha dobre vía”. Por unha banda, co aproveitamento de produtos de alta calidade para a súa transformación e coa vista posta en mercados gourmet. Por outra banda, engadiu, coa busca de valor engadido para produtos da pesca e os descartes, orientando o uso destas capturas co desenvolvemento e o emprego de técnicas de biotecnoloxía. Nesta liña, subliñou que para 2017 se incrementaron nun 10% os fondos destinados a este fin.

Ademais, engadiu que en breve sairá á luz unha orde de axudas por valor de máis de 18 millóns de euros destinadas a apoiar as pequenas e medianas empresas de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura. Unhas achegas, sinalou, que suman na consecución dunha alimentación sa e de calidade e ao obxectivo da xornada da Sociedad Española de Probioticos y Prebióticos “de conseguir facer da alimentación sa unha fonte de saúde e vida”.

Por outra banda, a conselleira do Mar agradeceu á Sociedad Española de Probióticos y Prebióticos o seu labor de fomento da investigación, aplicación clínica e divulgación en materia de emprego dos probióticos e prebióticos na prevención e tratamento de enfermidades.

O workshop

Esta xornada que se celebra en Santiago hoxe e mañá xorde co obxectivo de abordar algúns dos máis recentes avances en investigacións relacionadas co uso de probióticos e prebióticos na prevención e tratamento de enfermidades. Nos seus dous días de duración expertos procedentes de España e outras partes do mundo presentarán arredor de 100 comunicacións científicas.

23 de febreiro de 2017 | 16:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.