publicidade hoxe

A Xunta acomete a mellora da rede de camiños do núcleo de San Isidro en Campolameiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCampo Lameiro
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, acompañado do alcalde de Campolameiro, Julio Sayáns, visitou esta mañá este concello co obxectivo de comprobar as obras que se realizaron a través da orde de subvención para Infraestruturas de Uso Público e que permitiron mellorar a rede de camiños do núcleo de San Isidro.

Grazas a estas axudas, o concello de Campolameiro puido levar a cabo a mellora destes viais co fin de dotar de mellores accesos ás fincas e reparar os pavimentos danados polo tempo. O orzamento desta obra foi de case 40.000 euros, cunha aportación da administración autonómica do 80%, facéndose tamén cargo o concello do IVE.

Segundo apuntou o delegado territorial, “as obras executáronse a través de tres actuacións diferenciadas dentro do ámbito do núcleo de San Isidro. En concreto, mellorouse o Camiño Oeste, o Camiño Leste e a Praza. Era necesario reformar estes camiños xa que, nalgúns casos, o seu estado estaba moi deteriorado”.

No Camiño Oeste, as obras permitiron ensanchar un tramo de 85 metros de camiño rural para facilitar o acceso rodado ás parcelas situadas nesa zona. O camiño, pavimentado actualmente con regos asfálticos, ten unha zona máis estreita que foi ensanchada demolendo un muro de peche de pedra que foi reemplazado por outro de postes de aceiro galvanizado. O camiño foi pavimentado cunha capa de aglomerado asfáltico. No caso do Camiño este, os traballos tiveron como obxecto a mellora do firme, moi deteriorado co paso do tempo, aproveitándose unha zona situada no interior dunha curva que non estaba pavimentada, facilitando así o tránsito dos vehículos.

Finalmente, na zona da Praza pavimentouse o camiño leste que se atopaba moi deteriorado con parches de aglomerado e regos asfálticos e proxectouse unha capa de aglomerado asfáltico sobre os 700 metros cadrados con que conta este área, de xeito que se rebaixou a cota na fronte das edificacións para evitar a escorrentía das augas pluviais cara ao seu interior.

Tal e como explicou José Manuel Cores Tourís, a nivel provincial, “a orde de subvencións da Vicepresidencia, para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais destinadas a concellos galegos en 2016, cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia, contou cunha axuda global de 1,7 millóns de euros”.

Este programa, ao igual que a Xunta de Galicia, ten entre as súas prioridades “a mellora da calidade de vida nas zonas rurais” e por iso o Goberno galego decidiu apoiar economicamente a aquelas actuacións cuxo obxectivo sexa mellorar as infraestruturas e equipamentos de uso público e, por tanto, dos servizos municipais que os concellos prestan aos seus veciños e veciñas, engadiu o delegado territorial.

As actuacións subvencionables baixo esta orde foron proxectos de construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de espazos públicos -prazas, paseos, rúas, parques públicos e parques infantís-; edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos administrativos; e instalacións deportivas de uso público; así como as súas respectivas dotacións de equipamentos. Ademais, tamén eran subvencionables as instalacións, ampliacións e melloras das redes de alumeado público e a pavimentación de vías municipais que non estean incluídas no programa de mellora de camiños do concello beneficiario.

21 de febreiro de 2017 | 16:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.