publicidade hoxe

A mostra sobre Castelao e o cómic chega ao IES a Paralaia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMoaña
A-
A+

‘De Castelao ao mañá: unha ollada ao cómic galego’, xa pode visitarse no IES A Paralaia, en Moaña, lugar no que permanecerá ata o 17 de marzo. A mostra foi inaugurada esta mañá polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, pola alcaldesa da localidade, Leticia Santos, pola concelleira Marta Freire, polo equipo docente do centro, e polo comisario da mostra, Octavio Beares.

A exposición xa formara parte da programación do Ano Castelao que a Deputación de Pontevedra conmemorara durante o ano 2016 e chegou ao IES A Paralaia no marco dunha actividade para preparar unha xornada sobre banda deseñada. “Esta mostra permitiranos achegar ao alumnado os autores e as autoras actuais que hoxe en día desempeñan esta disciplina con grande éxito no noso país” afirmou Xosé Leal durante a súa intervención. O deputado nacionalista tamén se referiu á obra de Castelao nas tiras e debuxos que en vida publicou en varios xornais galegos asegurando que ” esta tamén é unha forma de dar a coñecer unha das facetas artísticas máis descoñecidas do autor rianxeiro e profundar sobre a súa traxectoria e sobre a súa obra”.

‘De Castelao ao mañá: unha ollada ao cómic galego’ referencia a produción de Castelao nos primeiros anos da súa traxectoria, que fixo a súa achega nun campo que, hoxe máis ca nunca, conta cunha importante representatividade de autores e autoras galegas que están traballando neste eido con moito éxito e calidade. A mostra, comisariada polo coñecido crítico de cómic, Octavio Beares, establece un percorrido polas obras de debuxantes galegos comezando polo propio Castelao, quen co debuxo amosou sempre o seu compromiso coa arte e a lingua galega, como se pode apreciar nas reproducións das tiras e debuxos publicados en Vida Gallega e o diario Galicia; ata os autores máis actuais, como son Kiko da Silva, José Domingo, Miguelanxo Prado, Mar Abad ou David Rubín. Unha selección na que se intentou incluír os autores e autoras galegas que son referencia no eido do cómic ata o día de hoxe, e tomando a Castelao como referente.

22 de febreiro de 2017 | 18:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.