A mostra “Exodus” sobre o drama dos refuxiados pódese visitar en Pontecesures ata o 3 de marzo
“Exodus: na procura de refuxio”, a mostra fotográfica coa que a Deputación de Pontevedra quere trasladar á cidadanía a súa preocupación polo drama que viven as persoas refuxiadas que foxen dos conflitos bélicos, xa se pode visitar en Pontecesures. A Deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, o Deputado de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios, e o alcalde da vila, Juan Manuel Vidal Seage, inauguraron a exposición que se atopa instalada na biblioteca do CPI de Pontecesures. As persoas que queiran achegarse ata este espazo poderano facer de luns a venres, de 14:00 horas a 15:00 horas (os martes tamén se poderá acceder entre as 16:30 e as 18:30 horas) entre hoxe, 16 de febreiro, e o vindeiro venres 3 de marzo.
“Exodus”, elaborada entre setembro e outubro de 2015 polos fotoxornalistas galegos Felipe Carnotto e Adrián Irago (Irago vén de gañar o concurso “Imaxes con fondo” precisamente cunha imaxe que amosa a un grupo de refuxiados e refuxiadas chegando á costa de Grecia) nos Balcáns e a illa de Lesbos, documenta as vivencias dos refuxiados e refuxiadas que foxen de distintos conflitos bélicos na procura dun novo fogar (de feito “Exodus” provén dos termos latino e grego que significan ‘saída’) en Europa.
A Deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, asegurou que na súa chegada ao continente estas persoas “dan con outra crise: a da Unión Europea como sinónimo de unión e de solidariedade, o cal non se pode entender cando precisamente o que buscan é unha nova vida na que a ilusión e a esperanza xogan uns papeis moi importantes. Estas persoas non deixan de estar sacrificando toda a súa vida, xa que se arriscan a perdelas mentres cruzan o Mediterráneo”. Digna Rivas asegurou que “a Unión Europea converteuse nun muro de intransixencias, perdendo por absoluto algúns dos principios que sustentaban a súa identidade no momento de ser creada” e, precisamente por iso, o que busca a Deputación de Pontevedra a través desta mostra é “abrir unha ventá que faga reflexionar a todas as mulleres e os homes desta provincia” sobre un drama “que é moito máis próximo a nós do que podemos pensar”. Esta reflexión, engadiu Digna Rivas, “tenos que sensibilizar e impulsarnos a ser mellores persoas” porque “o día de mañá poderiamos ser nós os e as protagonistas dunha desas fotografías”, polo que “non nos debemos de converter nesas persoas que ven ameazas onde soamente hai desesperación”.
A Deputada lembrou que esta mostra forma parte do compromiso que ten a Deputación de Pontevedra como institución pública coa labor de divulgación de información e, deste xeito, “Exodus” xa chegou aos concellos de Caldas de Reis, Salceda de Caselas, Nigrán, Forcarei, Catoira, Moaña, Tomiño, Rodeiro, As Neves, Cambados, Vilaboa, Silleda, A Illa de Arousa e, agora, Pontecesures, á espera de máis incorporacións nas vindeiras datas. “Grazas por sumarvos á lista de concellos que non teñen medo a mirar de fronte este problema”, sinalou Digna Rivas.
Cómpre lembrar que Europa se está a afrontar á peor crise migratoria tras a Segunda Guerra Mundial. Segundo datos de ACNUR, máis dun millón de persoas cruzaron as illas gregas escapando do conflito en 2015. Un 25% delas eran menores de idade e, ademais, arredor de 3.700 persoas morreron no intento de cruzar o mar Exeo.