publicidade hoxe

A gran novidade do Entroido na Guarda será o concurso Drag Queen

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Guarda
A-
A+

Os guardeses e as guardesas xa están listos para dar comezo ao Entroido 2017. Para que os veciños e veciñas podan desfrutar ao máximo destes días de festa, dende a Concellería de Cultura da Guarda prepararon unha completa programación de actividades xa anunciadas. De entre as variadas actividades que se levarán a cabo, o Entroido guardés 2017 presenta unha gran novidade: o Concurso Drag Queen Guardés.

Trátase dunha iniciativa creada para impulsar unha tradición moi arraigada na vila como é a de ver cada ano aos homes disfrazados de muller ou ás mulleres vestidas de atavíos de festa. Búscase, por tanto, que non se perda unha tradición moi vencellada á vila e que trae recordos dunha época na que os mariñeiros viñan a terra para celebrar o entroido e saían coas roupas das súas parellas.

O Concurso terá lugar o sábado 25 na Carpa da Alameda á 1 da madrugada e as representacións dos Drag Queen estarán acompañadas pola música dun DJ. No caso dos participantes, prégase que cheguen á carpa media hora antes do inicio do concurso para identificarse ante os organizadores, que estarán na zona do palco.

Neste concurso pode participar calquera home ou muller maior de 18 anos vestido de muller e as inscricións poden realizarse no Departamento de Cultura do concello dende o día 15 ata o 23 en horario de 9 a 14 horas, no correo electrónico cultura@aguarda.es ou o propio sábado 25 ata unha hora antes do concurso. Non é necesario achegar ningunha documentación, só nome, apelidos, teléfono de contacto e o nome que usarán no concurso.

O xurado valorará cinco apartados principais: vestiario, maquillaxe, posta en escena e interpretación, naturalidade e estilo e orixinalidade. Os tres concursantes que acaden a maior nota, terán premio. Para o primeiro clasificado, será unha cea para dúas persoas. O segundo e terceiro posto recibirán un vale de compra en establecementos da Guarda.

Dende o concello anímase a todos a participar e facer desta unha nova tradición do Entroido guardés nunha noite chea de música, disfraces, troula e moitas ganas de pasalo ben nas rúas da Guarda.

20 de febreiro de 2017 | 18:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.