publicidade hoxe

A Deputación subíu a partida do Plan Concellos tras estimar o recurso municipal por axustarse á lei

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCerdedoCotobade
A-
A+

O presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, valorou moi positivamente que o municipio vaia recibir do Plan Concellos 2017 unha partida de 902.000 euros, que é a mesma cantidade que os dous concellos percibiron globalmente no pasado exercicio antes de que se realizase a fusión. Neste senso, Cubela revelou que se cursou un recurso ante a concesión dunha partida inicial de 715.000 euros, considerada insuficiente polo goberno local, que foi aceptado pola Deputación Provincial de Pontevedra por axustarse perfectamente á lexislación. O rexedor indicou que o informe da Intervención do organismo provincial do pasado mes de decembro apuntaba que “os concellos fusionados terán preferencia, alomenos durante os cinco primeiros anos, nos plans de cooperación local, subvencións, convenios…” e que malia dita recomendación a Deputación “obviou inicialmente este criterio de discriminación positiva no Plan Concellos e optou por tentar limitar a capacidade de Cerdedo-Cotobade na prestación de servizos públicos”.

embargantes, sinalou que o executivo municipal e os servizos xurídicos “movéronse axeitadamente no seu recurso baseándose na lei e no bo criterio do informe da Intervención da Deputación” e conseguiron que o goberno provincial estimara o recurso presentado. “Polo menos cumprimos o obxectivo de manter os mesmos cartos que recibimos por separado no Plan Concellos 2016”, explicou Cubela. O presidente quixo deixar claro que a lexislación deixa moi claro que todas as administracións deben “premiar” as fusións porque racionalizan e optimizan os recursos e os servizos públicos ao tempo que aumentan a calidade de vida dos veciños pola creación de novas sinerxias. “Doume por satisfeito pola resolución favorable do recurso municipal, pero é que non podía ser doutro xeito xa que se baseaba nos criterios da Intervención provincial”, significou.

Finalmente, Cubela quixo destacar que todas as administracións públicas que cofinancian ou realizan aportacións ao Concello “incrementaron, como o Estado ou a Xunta, ou mantiveron a súa partida ao noso municipio, polo que o tempo volve deixar a descuberto as mentiras da plataforma antifusión de que perderíamos 300.000 euros da Deputación”. O Concello de Cerdedo-Cotobade sitúase en 18ª posición na recepción de fondos do Plan Concellos 2017 malia ocupar a 31ª posición en poboación, “o que deixa ben ás claras os beneficios da fusión”, apostillou Cubela. Asimesmo, trátase do municipio que recibirá máis cartos desta partida de toda a provincia de Pontevedra de entre grupo de concellos de menos de 13.000 habitantes.

2 de febreiro de 2017 | 18:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.