A Deputación inicia as obras de pavimentación de 11 quilómetros da DP 4401 Ortigueira- As Pontes a O Barqueiro
A Deputación da Coruña acolleu hoxe a sinatura do contrato das obras de pavimentación e mellora da seguridade vial na estrada provincial DP 4401 Ortigueira-As Pontes a O Barqueiro, no concello de Mañón, entre os puntos quilométricos 14+360 e 25+200.
As obras, que comezarán este mesmo mes, foron adxudicadas á empresa Mistura Obras e Proxectos por importe de 145.963,51 euros e teñen un prazo de execución de tres meses, polo que se prevé que estean rematadas antes do verán.
Os traballos comprenden a limpeza de beiravías e cunetas por ambas marxes do citado tramo, cunha lonxitude 10,8 quilómetros, o fresado do firme nas zonas deterioradas e a renovación da capa de rodaxe mediante microaglomerado en frío. Tamén será renovada a sinalización horizontal no tramo, mediante pintura vial branca, tanto no eixo como nas beiravías, símbolos de velocidade e cebreados.
320.000 € para mellorar os primeiros 14 quilómetros da estrada
O departamento de Vías e Obras da da Deputación iniciou tamén os trámites de contratación para as obras de pavimentación e mellora da seguridade vial dos primeiros 14,3 quilómetros deste mesmo vial, cuxo proxecto foi aprobado por unanimidade no pleno provincial do mes de novembro de 2016 e que conta cun orzamento inicial de 319.846,52 euros, que sairá a licitación próximamente.
Neste tramo, as obras consistirán tamén no extendido dunha capa de microaglomerado en frío que mellore a textura superficial do vial e a adherencia dos vehículos en condicións climatolóxicas adversas, previa limpeza e fresado das zonas deterioradas.
Con estas obras, que en conxunto mellorarán a pavimentación de 25 quilómetros da estrada DP 4401, a Deputación atende a petición do concello de Mañón durante visita que o presidente do ente provincial, Valentín González Formoso fixo ao municipio en abril de 2016, na que a corporación local trasladou ao mandatario provincial a necesidade de melloras na estrada que une esta localidade coa de As Pontes.