publicidade hoxe

A Deputación financia a mellora da accesibilidade en 200 pasos de peóns de Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFerrol
A-
A+

O Boletín Oficial da provincia publica hoxe a formalización do contrato para levar a cabo a 2ª fase das obras para a mellora da accesibilidade en 53 rúas no concello de Ferrol, incluídas dentro do Plan de Acción Social (PAS), impulsado pola Deputación. Cun investimento total de 265.641 euros, a actuación contempla a execución de 167 pasos de peóns dun conxunto total de 200 que abrangue o proxecto.

A fase das obras que se executarán abarca cinco zonas urbanas do concello de Ferrol, que teñen por obxecto a adaptación dos pasos de cebra e as súas beirarrúas, xunto coa supresión de barreiras arquitectónicas urbanas mellorando de xeito importante as condicións de accesibilidade e circulación para as persoas de mobilidade reducida.

O proxecto inclúe os traballos de construción de varios vaos de peóns cunha franxa de sinalización previa para facilitar a súa utilización ás persoas con dificultade visual, así como pasos elevados que resolven as deficiencias que existen arestora. Ademais, instalaranse rampas de acceso, destinadas a salvar os desniveis. Para a execución das obras, demolerase tanto a calzada como o pavimento e colocaranse novos bordos nas rasantes.

En cada un dos vaos de peóns, a altura da calzada será de 0,5 cm de máximo. Tanto no pavimento do vao como nas rampas e zonas de sinalización, haberá un pavimento diferenciado de tacos redondos ou rallados para mellorar a seguridade dos transeúntes.

As actuacións teñen como obxectivo facer cumprir a normativa vixente que, entre outros procedementos, inclúen salvagardar as condicións suficientes de accesibilidade e seguridade dos peóns.

Obras de mellora en Canido, Ensanche, Caranza e A Gándara

Deste xeito, as obras que se levarán cabo, engloban actuacións en 14 vías da zona de Canido-Centro, como por exemplo, nas rúas Roi Xordo con Avenida Compostela onde se renovarán catro pasos de cebra, ou a Avenida do Rei, coa adaptación de dez pasos de peóns.

Na zona do Ensanche A, os traballos inclúen tamén actuacións en 14 rúas da cidade como nas rúas Manuel Belando, Río Miño, Cataluña con Cuntis, Chanteiro con Bello Piñeiro ou a Avenida da Paz. En canto a zona do Ensanche B, os traballos de mellora corresponden a 18 rúas que, entre outras, comprenden a Praza de Cuba, a rúa Ponzos, a rúa Venezuela, ou a rúa Santa Comba.

Finalmente, nas zonas de Caranza e Gándara, as obras de actuación executaranse en 7 rúas, entre as cales se atopan, as rúas Armada Española, Juan de Austria ou Nicasio Pérez.

O Plan de Acción Social (PAS) posto en marcha pola Deputación, dotado con 33 millóns de euros para axudar aos municipios da provincia, prioriza os proxectos de carácter social que garantan o servizo as persoas de mobilidade reducida, mellorando así a súa calidade de vida.

20 de febreiro de 2017 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.