A Deputación de Pontevedra vende outra parcela do Polígono de Barro para a instalación dunha gasolineira “low cost”
A Deputación procedeu a venda dunha parcela de 1.800 metros cadrados para a instalación dunha estación de servizo no polígono de Barro.O deputado provincial de Patrimonio, Carlos López Font, firmou a acta de venda cos responsables da empresa “Estación de Servizo Low Cost 2015”, co que a firma poderá solicitar ao concello de Barro as correspondentes licencias de obra e de actividade.
A empresa disporá dunha parcela de 1.800 metros cadrados no que, segundo o proxecto, vai instalar unha pequena construción para unha tenda e dúas isletas para catro surtidores de combustible e unha marquesiña de cobertura das instalacións. A firma ten un orzamento para a execución material das instalacións de 300.000 euros.
No polígono de Barro, neste momento están vendidas un total de 26 parcelas que suman case que 98.000 metros cadrados. Ademais no polígono esta instalado o Viveiro de empresas de Deputación, que ocupa unha parcela de 2.500 metros cadrados, e o centro de apoio empresarial, que tamén ocupa outra parcela de 2.500 metros cadrados.
Dende primeiros do mes pasado están a venda ou cesión de dereitos as 48 parcelas restantes que suman 157.263 metros cadrados. As parcelas teñen distintas superficies comprendidas entre os pouco máis de mil quiñentos metros cadrados ate os máis de seis mil. As parcelas poden ser adquiridas en propiedade ou coa nova fórmula de constitución dun dereito de superficie, cun mínimo de cinco anos e un máximo de ocupación de 25 anos, e con opción final de compra da mesma parcela.