publicidade hoxe

A Deputación da Coruña mellorará a seguridade viaria na estrada entre Xermaña e Caión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Laracha
A-
A+

A Deputación da Coruña destina 307.957 euros a un proxecto para mellorar a seguridade viaria na estrada CP-0514 entre Xermaña e Caión, no concello de Laracha.

O alcalde larachés, José Manuel López Varela, mantivo hoxe unha reunión co presidente provincial, Valentín González Formoso, para coñecer os detalles do proxecto e os prazos estimados para a súa execución. Durante este encontro, González Formouse confirmoulle ao rexedor que os traballos sairán a licitación proximamente.

Senda peonil de 960 metros

O proxecto consistirá na creación dunha senda peonil, que comezará no lugar de Alvite e discorrerá nas marxes da CP-0514, nun tramo de 960 metros en dirección ao núcleo urbano de Caión.

Este novo camiño, que terá un ancho de dous metros, permitirá o transito a pé entre Avite, Cimadevila e Xermaña, favorecendo a seguridade viaria dos 200 veciños destes lugares. Neste sentido, pintaranse as liñas de borde e aplicaráselles resalto termoplástico. Así mesmo, delimitaranse varios pasos de cebra e aparcamentos para os veciños en dous subtramos, que estarán indicados mediante sinais verticais.

As obras, que terán unha duración aproximada de 4 meses, incluirán tamén a ampliación da plataforma da vía, a pavimentación dos firmes con mestura bituminosa, a renovación da rede de recollida superficial de augas pluviais e a instalación de novas canalizacións para as redes de telefonía e alumeado.

O alcalde de Laracha interesouse tamén pola posibilidade de aumentar o ancho da estrada provincial DP-1913 de Laracha a Ledoño, debido ao incremento do tráfico que rexistrou o vial desde a apertura da terceira ronda, un asunto que o presidente provincial comprometeuse a estudar cos técnicos de departamento de Vías e Obras.

20 de febreiro de 2017 | 17:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.