A Deputación da Coruña financia un proxecto para eliminar os vertidos da ribeira de Neda á ría de Ferrol
A Deputación da Coruña destina 67.449 euros a un proxecto para eliminar os vertidos na zona da estación do ferrocarril da ribeira de Neda, que afectan directamente ás augas da ría de Ferrol.
O concello de Neda saca hoxe a licitación este proxecto, que se inclúe dentro do Plan de Acción Social (PAS) provincial, e que se realizará nun prazo estimado de tres meses.
As obras consistirán na execución de novos pozos de ataque, tramos de colectores e diferentes tubaxes, que garantirán a adecuación da rede de saneamento ás normativas medioambientais vixentes, e a dotación dun servizo de calidade para os habitantes do concello.
Co financiamento destas medidas, a Deputación da Coruña responde a unha reivindicación do municipio para solventar as carencias na rede de saneamento, que xa fora comprometida por diferentes administracións pero que nunca se chegou a executar.
Estas carencias non só afectan á calidade das augas da ría e ás actividades pesqueiras, senón que repercuten na calidade de vida nunha zona moi próxima a vivendas e a lugares de interese turístico e cultural coma o pazo da Merced ou a ruta do Camiño Inglés.
Novo colector baixo as vías do tren
Co obxectivo de eliminar o vertido orixinado no colector paralelo ás vías do ferrocarril, realizarase unha perforación horizontal para pasar un novo colector baixo as vías do tren. Deste modo, conectarase un novo pozo, que se situará en paralelo ás vías do tren na marxe sur, ata outro pozo na marxe noroeste das mesmas.
Tamén se executará outro novo tramo de colector, que conectará os novos pozos ao existente baixo a AP-9.
O novo colector executarase con tubaxe de PVC de dobre parede, corrugada exterior e lisa interior, e os pozos realizaranse con aros prefabricados de formigón sobre soleira de formigón e estarán dotados de tapas e cercos de fundición dúctil.
Para garantir a seguridade dos pozos de ataque, conteranse as paredes mediante tablestacas e realizarase o asentamento dos mesmos mediante 50 centímetros de pedraplén baixo unha capa de 20 centímetros de grava.
Previamente, e para favorecer o acceso da maquinaria á zona de actuación, procederase á roza e despexe das inmediacións, así coma á explanación e rasanteo dos terreos.
Tras escavar a gabia para o emprazamento do novo colector, rechearase con material procedente da escavación da mesma zona.