A Deputación da Coruña colaborará coa Asociación Isabel Zendal para divulgar a importancia da Real Expedición da Vacina
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, recibiu esta mañá no seu despacho da institución provincial a Pilar Farjas, presidenta da Asociación Isabel Zendal, constituída a finais do ano pasado na Coruña co obxectivo de investigar e divulgar, a nivel nacional e internacional, a importancia clave da Real Expedición Filantrópica da Vacina, que partiu do porto da Coruña cara América en 1803, na erradicación da variola a nivel mundial.
Valentín González Formoso comprometeuse a estudar fórmulas de apoio da institución provincial aos numerosos proxectos que a entidade ten para “rescatar do esquecemento e pór no lugar que lle corresponde á que sen dúbida é a maior xesta sanitaria da historia, na que a provincia da Coruña ten un papel destacado”.
Neste sentido, o presidente provincial lembrou que dos 22 nenos que Isabel Zendal e o doutor Balmís levaron a América coa vacina da variola inoculada nos seus corpos saíron, 5 procedían da inclusa do Hospital dos Reis Católicos de Santiago e 13 saíron da Casa de Expósitos da Coruña, polo que no Arquivo da Deputación aínda se gardan documentos de gran valor histórico relacionados cos cativos que protagonizaron esta aventura e coa propia expedición “que están a disposición dos investigadores”.
Entre os cativos que portaron a vacina que contribuíu a erradicar a variola no continente americano había pequenos procedentes de Oleiros, Sada, Arteixo, Crendes (Abegondo), Coristanco e Cesuras.
Na reunión, falouse da posibilidade de traballar en programas para difundir entre a poboación estudantil a importancia da enfermeira ordense Isabel Zendal, reitora da Casa de Expósitos da Coruña e coidadora dos 22 pequenos que levaron a vacina a América durante a travesía, así como pór o seu nome a bolsas de investigación, certames ou concursos organizados pola institución provincial, entre outras cuestións.
Isabel Zendal, nacida en Ordes en 1773, foi a primeira enfermeira de saúde pública en misión internacional, segundo se recoñeceu no Congreso Panamericano de Saúde celebrado en Washington en 1950. A bordo da corbeta “María Pita” que levou a vacina a América e posteriormente nas campañas de vacinación que durante anos desenvolveu no novo continente xunto aos médicos Francisco Xabier Balmís e José Salvany, Zendal desenvolveu un importante papel demostrando ao mundo enteiro a utilidade da vacinación para a prevención dunha enfermidade que naquela época dezmaba a poboación mundial.
A Real Expedición Filantrópica da Vacina, financiada polo rei Carlos IV, contribuíu á loita contra a epidemia que máis morte causou no mundo. En 1980, a Organización Mundial da Saúde declarou a variola como unha enfermidade erradicada.