publicidade hoxe

A Deputación da Coruña acondicionará a ruta de sendeirismo do río Sor

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaMañón
A-
A+

A Deputación da Coruña destina 48.270 euros a acondicionar a ruta de sendeirismo do río Sor, no concello de Mañón. A través dunha achega do Plan de Medio Ambiente, a institución provincial financiará diversas melloras en tres puntos de interese da senda : os miradoiros de Augas Caídas e do Cascón e o refuxio de Ribeiras do Bispo.

Estas actuacións porán en valor a ruta de sendeirismo máis importante do municipio, que ten unha lonxitude total de 12,50 quilómetros e un recoñecido valor etnográfico e medioambiental, debido á presenza de multitude de muíños tradicionais e especies vexetais propias do bosque atlántico.

No entorno da cascada natural de Augas Caídas, os fondos provinciais financiarán a roza manual e selectiva de vexetación arbustiva, coma silvas, toxos ou xestas. Para mellorar as dotacións destinadas aos usuarios da ruta, colocaranse dúas mesas de picnic de dez prazas, bancos de madeira e unha papeleira, ademais de varandas de madeira tratada para aumentar a seguridade da senda.

Así mesmo, repoñerase unha tubaxe de polietileno de presión que abastece unha antiga fonte, e executarase un muro de mampostería de 8 metros de lonxitude.

No miradoiro do Cascón, afirmarase a senda nun tramo de 25 metros de lonxitude e 5 de ancho. Aplicaranse vinte centímetros de zahorra de canteira e posteriormente selarase con cinco milímetros de area.

Igualmente, repoñeranse 15 metros de varandas de madeira, similares ás que se instalarán en Augas Caídas. As actuacións completaranse coa colocación dun banco de pedra granítica, serrada e abuxardada e unha papeleira con cuba de aceiro galvanizado e revestimento exterior de madeira tratada.

O refuxio de Ribeiras do Bispo tamén se dotará de mobiliario urbano, con seis mesas de picnic de dez prazas e doce bancos de madeira, para que poida ser utilizado coma merendeiro e área de descanso.

8 de febreiro de 2017 | 18:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.