publicidade hoxe

A Deputación crea 27 quilómetros de sendas peonís en 16 concellos da provincia da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Deputación da Coruña impulsa, a través do departamento de Vías e Obras, a construción de 27 novos quilómetros de sendas peonís en estradas provinciais de 16 concellos da provincia.

Dende o inicio do actual mandato, o goberno presidido por Valentín González Formoso aprobou investimentos por importe de máis de 3,5 millóns de euros para a creación de sendeiros que axuden a incrementar a seguridade vial dos peóns nas marxes da rede provincial de estradas.
O obxectivo, segundo explican dende o departamento provincial de Vías de Obras que dirixe o deputado José Manuel Pequeño “é acadar os 60 quilómetros de sendas ao final do mandato”.

Neste paquete de obras xa aprobadas polo pleno da institución provincial, moitas das cales están xa en fase de licitación ou execución, atópanse as sendas peonís nas estradas provinciais DP-4307 de Malpica a Ponteceso, na DP-3801 de Sigüeiro a San Mauro (Oroso), na DP-3404 Serra de Outes a Dumbría (Mazaricos), na DP-1603 da Ponte do Porto a Quintáns (Vimianzo), na DP-2405 de Cerceda a Mesón do Vento (Ordes), na DP-2405 e DP-2403 en Meirama e Acebedo (Cerceda), na DP-2904 de Coristanco a Santa Comba, na DP-0205 de Bertamiráns a Ramallosa (Ames), na DP-7603 en San Sadurniño, na DP-7606 de Aguiño a Carreira por A Graña (Ribeira), na DP-0901 acceso ao peirao de Betanzos, na DP-0101 en Abegondo e na DP-0105 en O Cerrado, Leiro (Abegondo), na DP-0105 en Bergondo e Betanzos, e na DP-4201 de Portobravo ao Confurco (Lousame).

Sendas no Camiño de Santiago

Dos 27 quilómetros de sendas peonís postos en marcha pola Deputación, cinco deles pertencen a tramos do Camiño de Santiago que discorren por vías provinciais, como as proxectadas na DP-3404 (Dumbría), na DP-5604 de Fisterra a Muxía (Santa Comba e Muxía), no tramo de Outes a Pereira, e na DP-5201 no tramo de Muxía a Touriñán.

4,1 millóns en travesías

No actual mandato, o departamento provincial de Vías e Obras aprobou ademáis proxectos por importe de 4.169.429,28 euros para a creación ou mellora de travesías en dez concellos da provincia, catro das cales xa foron adxudicadas

O deputado José Manuel Pequeño visitou onte xunto con técnicos do servizo de Vías e Obras o lugar onde se construirán as travesías da DP 6601 dende a N-547 a Outeiro, no concello de O Pino, e a DP 3802 en Vista Alegre-Galegos, no concello de Frades, onde nos vindeiros dez días se espera que comecen os traballos, tras a sinatura da acta de replanteo das obras.

As obras da travesía se Senande, entre os pq 3+400 e 4+675 da DP 3402, en Muxía, e a primeira fase da travesía de Sísamo, en Carballo, atópanse xa en fase de execución e os traballos avanzan a bó ritmo.

A travesía na DP 3604 de San Xoán de Filgueira a Catabois (Ferrol), a De Xermaña a Caión (Laracha), a reurbanización e mellora da seguridade vial na DP1704 (Carral), a mellora da seguridade vial na DP 9301 (Zas), o travesía da Ponte do Porto (Camariñas), e a travesía de Souto (Toques), son algúns dos proxectos que xa foron aprobados en pleno e que serán adxudicados durante o presente ano.

A estes proxectos hai que sumar os numerosas construcións e reurbanizacións de beirarrúas e pequenos tramos de senda peonil que incorporan moitas das obras efectuadas ao longo dos máis de 2.000 quilómetros da rede provincial de estradas, así como a ampliación do ancho das estradas máis estreitas e a eliminación de puntos negros, co obxectivo de mellorar a seguridade vial de conductores e peóns.

1 de febreiro de 2017 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.