publicidade hoxe

A Deputación acometerá a reparación integral da cuberta do claustro de peregrinos do Mosteiro de Sobrado dos Monxes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSobrado
A-
A+

A Deputación da Coruña investirá 62.000 euros na reparación integral da cuberta do claustro de peregrinos do mosteiro de Sobrado dos Monxes. Así o anunciou esta mañá o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, durante a visita que realizou ao cenobio acompañado polo alcalde da localidade, Lisardo Santos, polo deputado provincial e alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, e polo prior Carlos Gutiérrez.

González Formoso destacou “o inmenso valor patrimonial do mosteiro de Sobrado”, o único monumento da nosa provincia, xunto á Torre de Hércules, declarado patrimonio da humanidade pola Unesco e expresou o compromiso da Deputación para “completar as obras de rehabilitación da cuberta do claustro de peregrinos e abordar un proxecto que mellore a accesibilidade nas numerosas visitas que recibe cada ano”.

O proxecto consistirá na reparación da cuberta das alas sur, este e oeste do claustro, que presentan un elevado grao de deterioro debido ao paso do tempo e á falta de mantemento, e que supoñen un perigo evidente pola posibilidade de desprendemento das tellas nun lugar cunha afluencia constante de visitantes. Estas obras completarán as reformas xa levadas a cabo pola Deputación na ala norte do claustro e suporán a renovación integral da cuberta con tella vermella de cerámica curva, de similares características á existente na actualidade.

Mellora da accesibilidade do mosteiro

Ademais, o presidente provincial entregou ao prior unha copia do proxecto elaborado polos servizos de Arquitectura da Deputación para a mellora da accesibilidade no itinerario do percorrido turístico que as visitas realizan ao cenobio, co obxecto de que as persoas con mobilidade reducida ou cadeiras de rodas podan realizalo sen problemas. Este proxecto será enviado tamén a Patrimonio para o seu estudo e avaliación.

O proxecto, respectuoso co monumento, busca solucións pouco invasivas para mellorar a accesibilidade, entre as que se inclúen a instalación de pequenas rampas metálicas para salvar obstáculos como os escalóns de acceso ao claustro de medallóns, a entrada da cociña, á igrexa ou nos accesos ás capelas de San Juan e do Rosario, pemitindo así que as persoas en cadeira de rodas podan efectuar o itinerario turístico.

Acompañado polo prior Carlos Gutiérrez e por membros da comunidade eclesiástica, González Formoso coñeceu a historia do mosteiro e cómo é a vida cotiá dos monxes.

Investimentos que melloran a vida dos veciños

O presidente da Deputación visitou tamén a Casa do Concello de Sobrado, onde foi recibido polo alcalde, Lisardo Santos, e polos portavoces dos distintos grupos políticos representados na Corporación.

Na súa intervención, González Formoso destacou a “multitude de investimentos” que a institución provincial leva a cabo na localidade para “mellorar a calidade de vida dos veciños de Sobrado” e citou entre elas as melloras do CEIP Virxe do Portal, o acondicionamento de zonas verdes en Carelle e Folgoso, a substitución do alumeado do polideportivo municipal por outro máis eficiente con tecnoloxía LED ou a pavimentación de camiños municipais en Cumbraos, Roade, Codesoso e Ciadella.

Tamén destacou “o importante esforzo inversor” que fai o organismo provincial en materia de emprego, pasando do 7.650 euros que recibía Sobrado para este fin en 2015 aos 22.000 que recibiu o ano pasado a través do novo Plan de Emprego Local (PEL), que permitiu incrementar o número de traballadores contratados polo municipio.

Preto de 700.000 euros no POS+

Neste sentido, González Formoso apuntou que o novo POS+ 2017 deixará no concello de Sobrado “un investimento mínimo de 695.203 euros, que poderá verse incrementado ao longo do ano en función da incorporación de remanentes” e que ofrece ao goberno local “maior previsibilidade, axilidade e autonomía para tramitar os seus proxectos”, xa que a axuda tramitarase a través dun único plan, que ofrecerá aos municipios maior flexibilidade á hora de decidir en qué queren investir estes recursos, en función das necesidades particulares de cada un.

Ensanche da estrada DP 8001

A mañá rematou cunha visita á estrada provincial DP 8001 de Cruces a Penablanca, na que a Deputación investirá 323.405,80 euros para levar a cabo o ensanche da plataforma nos primeiros tres quilómetros do vial e mellorar así a seguridade da circulación. As obras previstas contemplan ocupar a zona de cuneta actual para pasar do ancho actual de 5 metros a 7.

8 de febreiro de 2017 | 18:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.