A D.O. Rías Baixas logra un novo récord de contraetiquetas: 30,3 millóns
A Denominación de Orixe Rías Baixas mantén unha evolución ascendente nos mercados nacional e internacional. Unha tendencia que se corrobora polo número de contraetiquetas expedidas ás adegas inscritas ao largo do exercicio 2016, que ascenden a un total de 30.326.376 tirillas. Esta cifra supón un incremento do 11,8% con respecto a 2015, ano no que se libraron 27.125.556 de precintas.
Esta nova marca mostra a boa traxectoria que os viños de Rías Baixas están a ter entre os consumidores de dentro e fóra do noso país. Lembrar que a pasada campaña as adegas de Rías Baixas exportaron 3.200.820 botellas máis que na 2014/2015. Este incremento supón un estímulo ao esforzo que o sector de Rías Baixas, viticultores e adegas, vén desenvolvendo en aras da calidade e un recoñecemento ao traballo e aos investimentos realizados ao longo destes últimos anos.
En canto aos litros de viño verificados (viños que pasaron as análises fisicoquímicos e organolépticos e foron considerados aptos para embotellarse baixo o amparo da Denominación de Orixe Rías Baixas), o seu volume alcanza os 22.744.782 litros. É dicir, que no último ano, o panel de cata do Consello Regulador, analizou e verificou a aptitude de 2.400.615 litros de viño máis que en 2015.
Á vista destes resultados, o sector de Rías Baixas agradece ao consumidor a confianza depositada nos seus viños e reafirma a súa aposta inquebrantable pola excelencia. E, para corroborar ese compromiso, o Consello Regulador lembra que desde fai máis de dous anos conta coa acreditación de ENAC (Entidade Nacional de Acreditación) para certificar os viños amparados, todo iso segundo a norma UNE-NISO/IEC 17065:2012 e, neste momento, o Órgano de Control e Certificación, co ánimo de reforzar aínda máis a fiabilidade e a garantía dos viños amparados, intensifica os seus esforzos para obter -canto antes- a acreditación do seu panel de cata na norma UNE-NISO/IEC 17025:2012.











