A Coruña presenta o plan de axudas ‘Facemos comunidade’
O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá no Pazo de María Pita Facemos comunidade , o plan de axudas municipais dirixido a asociacións veciñais co obxectivo de desenvolver, en colaboración co Concello, a programación de festas de carácter comunitario nos distintos barrios da cidade para este ano. Esta é terceira das convocatorias de concorrencia competitiva que se veñen propoñendo desde a área de Culturas no 2017 “co obxectivo de impulsar procesos xustos, igualitarios e equilibrados para todas as entidades locais, ademais favorecer a interlocución coas mesmas e descentralizar a oferta cultural”, aseverou o edil . Así, segundo expuxo o responsable municipal, Facemos comunidade nace coa idea “de facilitar a labor do tecido cultural e veciñal da cidade, e permitir que as festas dos barrios, a maioría tradicionais e que se estenden durante todo o ano, en particular no mes de agosto e durante o outono, poidan coordinarse desde inicios de ano”. “O Goberno local ten intención, con esta proposta, de chegar a todos os barrios e apoiar tamén a celebración daquelas festividades tradicionais que teñen lugar na cidade, para contribuír así a manter costumes que semellan arraigadas entre a veciñanza”, incidiu.
Deste xeito, o Goberno local investirá un total de 250.000 euros en Facemos comunidade para facilitar ás entidades veciñais a posta en marcha de ideas que teñan como resultado a realización de eventos festivos “que revistan un beneficio para o desenvolvemento comunitario nos barrios”, especificou o titular da área de Culturas. Poderán presentar as súas iniciativas aquelas asociacións veciñais locais que se atopen legalmente constituídas e rexistradas no REMAC (Rexistro Municipal de Asociacións da Coruña) na data de finalización do prazo de presentación de propostas. A contía máxima que o executivo coruñés achegará a cada proxecto, que deberá indicar un orzamento claro, “xa que cada celebración ten unha ambición e desenvolvemento temporal moi diferente”, explicou Sande, será de 10.000 euros, IVE incluído.
As propostas que se presenten á convocatoria deberán ser abertas e de carácter gratuíto para toda a cidadanía, e deberán fomentar o galego así como o uso non sexista da linguaxe e da imaxe, ademais de incluír medidas en relación á sensibilización e coidado do medio ambiente. “Dando continuidade ás festas organizadas polo Concello, como San Xoán, María Pita ou o Festival Noroeste, as celebracións de barrio deberán impulsar a conciencia medioambiental”, sinalou o concelleiro, “e presentar un plan de medidas para a redución da xeración de residuos”. Ademais, o responsable municipal aseverou que todas aquelas festividades cuxa celebración implique o necesario uso de vasos, “deberán empregar os Ecovasos, que son reutilizables”. A convocatoria ábrese mañá, venres 3 de febreiro, e o prazo de presentación manterase até o próximo 15 de marzo. As iniciativas deberán presentarse no Rexistro do IMCE (avenida da Mariña, 18. CP 15003, A Coruña), e o prazo de resolución das solicitudes será de trinta días a partir da finalización do período de presentación de ideas.
Como nas outras convocatorias dirixidas a ampliar o marco de colaboración con asociacións e entidades locais que a Concellería presentou neste 2017, e coa finalidade de garantir a absoluta imparcialidade coa valoración dos mesmos, os proxectos que se presenten a Facemos comunidade serán avaliados “a través de criterios obxectivos”, asegurou o edil, por unha mesa composta polo concelleiro de Culturas ou a persoa en quen delegue (que terán voz pero non voto), ademais de persoal municipal vinculado á área de Culturas, que exercerá como secretario, e tres representantes do tecido asociativo e ou cultural da cidade.