publicidade hoxe

A Coruña potenciará a compra de produtos frescos, tradicionais e de proximidade con ‘O valor no noso’, a nova imaxe dos mercados municipais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O concelleiro de Emprego e Economía Local, Alberto Lema, presentou esta mañá na praza de abastos de Elviña O valor do noso , a nova imaxe dos mercados municipais a través da cal o Goberno local pretende potenciar a compra nos mesmos entre a veciñanza. O edil sinalou que a proposta, “que salienta valores como a tradición e a proximidade”, avoga por potenciar a adquisición de alimentos “en lugares de abastecemento moi próximos, de calidade e que crean riqueza na contorna”. “Os mercados coruñeses son unha referencia como modelo, porque ofrecen unha relación personalizada coa veciñanza, unha moi boa relación calidade prezo e están especializados en produtos de temporada ou cultivados na propia comarca”, afirmou Lema. A este respecto, o responsable municipal resaltou a aposta do executivo coruñés polas prazas a través da posta en marcha “dun plan estratéxico para analizar o crecemento dos mercados”, ao igual que iniciativas como cursos de formación “para que as praceiras e praceiros poidan ter oportunidade de mellora no seu traballo”, e o lanzamento dunha nova páxina web, “que terá lugar este ano”.

A presentación de O valor do noso vén acompañada dunha nova campaña de dinamización que se desenvolverá todos os sábados deste mes de febreiro co obxecto de incentivar o consumo de produtos frescos de cara ás vindeiras festas de Entroido a través dunha promoción de ‘rasca e gaña’. “O obxectivo é fomentar a compra nas nosas prazas nunha época cunha cultura culinaria propia”, fixo notar o concelleiro, “a través dunha campaña na que a cidadanía poida obter carriños, receitarios ou tickets regalo, incidindo así nunha nova oportunidade de compra no ciclo económico máis achegado á veciñanza”.

A acción, que se desenvolverá os días 4, 11, 18 e 25 nos mercados de Adormideras, As Conchiñas, Elviña, Eusebio da Guarda (praza de Lugo), Monte Alto, Palavea, Ramón Cabanillas, Santa Lucía e San Agustín, repartirá un total de 100.000 cupóns ‘rasca e gaña’, un por cada compra superior a 10 euros realizada nos postos de alimentación e produtos frescos destes mercados. Aqueles que resulten premiados intercambiaranse polo premio indicado no mesmo, que serán carros da compra, receitarios ou vales con premios en metálico para comprar nos propios mercados municipais ata o 4 de marzo, unha semana despois do fin da campaña.

Ademais, como indicou o concelleiro, en As Conchiñas, Elviña, San Agustín, Monte Alto e Eusebio da guarda habilitarase un stand promocional nos que a clientela poderá intercambiar o seu ticket de compra polos cupóns do concurso, e recoller tamén os premios correspondentes. Nos mercados de Palavea, Ramón Cabanillas Santa Lucía e Adormideras o stand colocarase nun dos postos baleiros, que se decorará para dar información da campaña. Estes funcionarán os días laborables en horario de 10.30 a 13.30 horas, horario en que será posible facer o intercambio. En canto aos premios, esta acción promocional repartirá, en total, 1.000 receitarios con propostas que inclúen ingredientes que se poden atopar nos mercados municipais, 50 carros da compra co logo dos mercados coruñeses e 270 cheques de entre 20 e 100 euros para cambiar por vales de compra válidos para as propias prazas coruñesas.

1 de febreiro de 2017 | 19:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.