A Consellería do Mar defende a unión da estratexia de crecemento azul, a investigación e a especialización para a diversificación do sector
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, defendeu esta mañá en Vigo a conxugación da estratexia de crecemento azul, da investigación da Unión Europea e da especialización para a diversificación e o crecemento sustentable do mar de Galicia. Así o sinalou hoxe en Vigo durante a clausura da xornada “El relanzamiento de la economía azul en la fachada atlántica”, organizada polo Consello Económico e Social de Galicia, en colaboración coa Autoridade Portuaria de Vigo.
A titular de mar incidiu en que esta unión é “o mellor método para compartir información, custes, resultados e boas prácticas e, ao mesmo tempo, para a creación de ideas para outros ámbitos de cooperación en actividades marítimas”. Neste sentido, Rosa Quintana destacou o papel de Galicia en relación á estratexia de crecemento azul e lembrou que a nosa comunidade participou no proceso aberto polo Comité das Rexións para coñecer as achegas á redefinición da política de Crecemento Azul.
Neste eido, explicou que a actuación da Consellería do Mar se basea fundamentalmente na diversificación da economía marítimo-pesqueira, a través dos grupos de acción local do sector pesqueiro, e na planificación da iniciativa Blue Growth (crecemento azul) desenvolvida coa Autoridade Portuaria de Vigo.
En relación ao labor do porto de Vigo para impulsar esta filosofía da política marítima da Unión Europea, a conselleira do Mar lembrou que foi o elixido “por ser o mellor escenario ao confluír nel os actores claves económicos e sociais da vida marítima e co obxectivo de que sirva de modelo para outros portos”. Neste sentido, destacou que se puxeron en marcha os 11 grupos de traballo que forman parte desta estratexia e que cerca do 80% dos proxectos previstos no plan están activos.
Entre estes proxectos Rosa Quintana destacou o MarInnLeg e o Vigo Fishing Valley, no ámbito da competitividade e o desenvolvemento socioeconómico, e, no eido da innovación tecnolóxica, reseñou Porto 4.0, Lonxa 4.0 e Smart ViPort. Por outra banda, no eido do medio ambiente destacou os proxectos TUTATIS o SEPHORA.
Por outra banda, a titular de Mar agradeceu ao CES Galicia a promoción desta xornada e a súa implicación no crecemento azul e recoñeceu o valor do seu labor e a súa complicidade cos intereses do sector marítimo-pesqueiro galego.
Crecemento azul
O crecemento azul é unha estratexia a longo prazo establecida pola Unión Europea, de apoio ao crecemento sustentable dos sectores mariño e marítimo. Esta iniciativa recoñece a importancia dos mares e océanos como motores da economía europea polo seu gran potencial para a innovación e o crecemento.